O conselleiro de Cultura e Educación inaugura o I Encontro de Bibliotecas Escolares de intercambio de experiencias entre Galicia e o norte de Portugal

Xesús Vázquez Abad salientou a importancia da colaboración nesta materia máis alá das fronteiras

Sáb, 27/04/2013 - 10:30
 O conselleiro de Cultura e Educación inaugura o I Encontro de Bibliotecas Escol
O conselleiro de Cultura e Educación inaugura o I Encontro de Bibliotecas Escolares de intercambio de experiencias entre Galicia e o norte de Portugal

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe en Verín o I Encontro de Bibliotecas Escolares na Eurocidade: Xornada de Intercambio de Experiencias Galicia- Norte de Portugal, organizado pola Consellería a través do Centro de Formación e Recursos (CFR) de Ourense. Neste acto o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia estivo acompañado polo delegado da Xunta na provincia de Ourense, Rogelio Martínez; polo presidente da Cámara Municipal de Chaves, João Gonçalves Martins Batista; e pola coordinadora interconcellos de bibliotecas escolares portuguesas, Maritza Dias; ademais de polos directores do CFR de Ourense, José Domínguez Alonso, e do Centro de Formação de Associação de Escolas de Chaves (CFAEATB), Altino Rio.

Este foro ten como obxectivo dar a coñecer experiencias de calidade desenvolvidas en ambos lados da ‘Raia’ en relación coa dinamización da biblioteca escolar, co fin de procurar estratexias para a integración dos recursos da biblioteca escolar nos procesos de ensino-aprendizaxe. Así mesmo, procúrase difundir neste encontro modelos para o impulso da lectura e da alfabetización informacional desde o centro educativo.

Colaboración arraiana

Durante a súa intervención o conselleiro felicitou a docentes e responsables das bibliotecas escolares pola súa implicación e interese en mellorar o traballo nos seus centros.

Así mesmo, cualificou as bibliotecas como “territorios privilexiados nos que adquirir competencias, converténdose en centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe, fundamentais en colexios e institutos”.  “É indubidable - dixo- que as nosas pequenas e pequenos teñen un maior acceso á información. Sen embargo, como ben sabemos, iso non quere dicir que teñan maior acceso ao coñecemento. De aí a importancia de consolidar as competencias lectoras, porque se non entendemos o que lemos, acabaremos por non entendérmonos entre nós”. Así, salientou a importancia da colaboración entre as bibliotecas escolares e as públicas, “un eido no que o noso veciño Portugal é pioneiro e no que Galicia ten moito interese en afondar”. Do mesmo xeito, sinalou o exemplo de Verín “un concello aberto á experiencia lectora, que conta cunha excelente biblioteca con grande presenza na súa vida social e con bibliotecas escolares de referencia”.

Neste sentido Vázquez Abad puxo en valor o contacto entre as bibliotecas escolares de ambos lados da Raia, “que fan visible o ficticio das fronteiras administrativas para aquelas comunidades que viven máis próximas. Comunidades arraianas que atopan xeitos de colaborar alén do país no que a xeografía os sitúa”; e desexou que estes encontros sexan frutíferos para avanzar por esta vía.

Intercambio de experiencias

Ao longo da xornada presentaranse os Programas de Bibliotecas Escolares de Galicia e Portugal, da man das asesoras da Consellería, Cristina Novoa e Pilar Sampedro, e mais da coordinadora de bibliotecas escolares do país luso, Maritza Dias. Ademais celebraranse dúas mesas de experiencias nas que participarán representantes do CEIP Amaro Refojo (Verín), CEIP Joaquín Lourenzo Xocas (Bande), CEIP Condesa de Fenosa (O Barco de Valdeorras) e CEIP Manuel Sieiro (Crecente). Pola parte lusa participan os agrupamentos de escolas portuguesas João de Araújo Correia (Peso da Régua), Dr. Júlio Martins (Chaves), Moragado de Mateus (Vila Real), e a Escola Profesional de Agricultura e Desenvolvemento Rural de Calvalhais (Mirandela).

Os relatores destas mesas amosarán as súas experiencias arredor de estratexias innnovadoras na dinamización da biblioteca, impulso do hábito lector e no aproveitamento dos recursos das bibliotecas escolares como parte do currículo que se imparte nos centros de ensino. Ademais afondarase nas posibilidades que as novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) e as redes sociais ofrecen para o uso, tratamento e creación de información e para ampliar os servizos das bibliotecas escolares.