O conselleiro de Cultura e Educación reuniuse cos directores participantes nas xornadas de ADDIGA Galicia
Xesús Vázquez Abad agradeceu a estes equipos directivos a súa dedicación ao labor directivo dos institutos galegos
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, reuniuse hoxe cos participantes nas sextas xornadas da Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia (ADDIGA), a quen agradeceu a súa dedicación ao labor de dirección que desempeñan nos institutos galegos.
Esta edición dos encontros, baixo o título Xestión emocional e equipos directivos: o clima escolar como factor clave en educación, foi inaugurada esta mañá polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredora. Tras a apertura da xornada, o presidente de Federación de Asociación de Directivos de Centros Educativos Públicos (FEDADI), José A. Martínez Sánchez, abordou o papel da dirección escolar na – aínda en trámite parlamentario- Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). O programa pecharase esta tarde cun relatorio do secretario de ADDIGA, Manuel Rodríguez, arredor da formación inicial do profesorado, e coa asemblea de asociados.
A celebrada hoxe no MUPEGA é a primeira parte destas sextas xornadas, que continuarán o vindeiro 8 de maio, dedicadas ao coaching e á xestión da convivencia nos IES.