Xesús Vázquez Abad visita o CPI de Maside, en Ourense, en cuxa ampliación a Consellería investirá preto de 500.000 euros
O conselleiro, acompañado polo delegado e a xefa territorial de Educación en Ourense visitou tamén durante a xornada de hoxe os CEIP A Ponte e o de Prácticas así como o IES 12 de Outubro e o CEE Miño
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou cinco centros educativos de Ourense e a comarca, para constatar o estado dos mesmos así como o resultado das obras de mellora realizadas durante este derradeiro ano. A xornada de hoxe é unha primeira toma de contacto coas Asociacións de Nais e Pais de Alumnos así como dos equipos directivos dos centros que se visitaron.
Xesús Vázquez recordou en cada un dos centros que visitou que “é moi importante que as instalacións estean adaptadas ás demandas dos estudantes, porque o noso principal obxectivo é que teñan unha ensinanza de calidade, e para iso é preciso non só o impagable traballo dos docentes, senón ter unhas boas instalacións que permitan o desenvolvemento de todos os traballos educativos acordes coas demandas dos actuais tempos”. Ademais, o conselleiro recordou que “non só é ter os centros en boas condicións, senón que temos que innovar e dotalos de todo o que o estudante precise para enfrontarse ao que ten por diante, xa que nós non esquecemos que eles son o noso futuro”.
Investimentos en centros
Ao longo da xornada Vázquez Abad estivo no CEIP de Maside, no concello do mesmo nome, no que este verán se realizará unha obra de ampliación cun orzamento de 470.000 euros, e que tal e como dixo o conselleiro, “esperamos que estean rematadas para o mes de decembro e que os estudantes poidan aproveitar as melloras que se van realizar”.
Actualmente este centro está dividido en dous edificios que distan un quilómetro entre si; nun deles están os nenos de infantil e primaria, e noutro os rapaces de secundaria. Precisamente neste último, é onde a Consellería de Educación vai a acometer a ampliación, pola que se construirá un edificio anexo de 300 metros cadrados que albergará 6 aulas de infantil e primaria.
Coa posta en marcha desta ampliación, o CEIP quedaría localizado nun só edificio cunha parcela duns 10 mil metros cadrados e todas as comodidades e servizos tanto para os nenos de infantil e primaria como para os rapaces de secundaria. O CEIP de Maside conta na actualidade con 220 rapaces, e dá servizo, ademais de ao propio Maside, aos concellos de Punxín e San Amaro.
Visitas a centros
O conselleiro tamén estivo no CEIP de A Ponte, no CEIP de Prácticas, e o IES 12 de Outubro, todos eles incluídos no proxecto Abalar, que na provincia de Ourense beneficiará a preto de 2.000 estudantes.
Na súa visita ao CEIP de Prácticas, na cidade das Burgas, o titular de Educación explicou que está previsto que cando remate o presente curso escolar se realice unha obra para a renovación do ximnasio e a ampliación do comedor entre outras actuacións, todo isto cun orzamento de 95.297 euros. Unhas melloras que se engaden ás desenvolvidas no 2009 e que tiveron un custe de 116.912 euros, para a remodelación do ximnasio, a adaptación de espazos, e melloras en pavimentación e carpintería.
Xa a última hora da maña, Vázquez Abad percorreu as instalacións do IES 12 de Outubro, no que se investirán 50.000 euros na cubrición de patios e outras actuacións. Neste centro o ano pasado xa se investiron 96.268 euros. Deste modo no 2009-2010 as alumnas e alumnos deste recinto escolar xa aproveitaron as melloras realizadas en carpintería, aulas, pavimento, nos laboratorios, e en xeral nos exteriores e interiores do centro.
Melloras no CEE Miño
Xa pola tarde, Xesús Vázquez estivo no centro de educación especial Miño, situado no concello ourensán de Santa Marta. Nel, a Consellería de Educación investirá no presente ano 60.000 euros na adaptación do salón de usos múltiple e diversas obras de mellora. Ademais, no 2009 empregáronse 39.181 euros na reposición do falso teito, así como na construción de aseos e vestiarios, e no arranxo da caldeira de calefacción.
O edifico conta con 11 aulas nas que hai un promedio de catro ou cinco alumnos en cada unha, e cada unha delas contan coas adaptacións físicas e os recursos materiais e técnicos necesarios para atender as necesidades do grupo de alumnos que acollen. Ademais o CEE Miño esta dotado cun aula de Estimulación Multisensorial onde se realizan diversas actividades.
Ao longo do día, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; a xefa territorial de Educación na provincia, Marisol Díaz Mouteira; e o secretario xeral de Educación, José Luis Vázquez, acompañaron ao conselleiro.