A Consellería de Cultura e Educación lamenta que AGE minta inflando de forma esaxerada a inversión na certificación de calidade da rede de centros integrados de formación profesional

Os Orzamentos de 2013 dedican un total de 30.000 euros a avaliación da rede de CIFP e doutra ducia de centros, moi lonxe dos 460.000 aos que apunta Alternativa Galega de Esquerdas

Os controis non os realiza unha xestoría, senón por AENOR, entidade certificadora de recoñecido prestixio, e sen ánimo de lucro

Os datos difundidos por esta formación política amosan o seu profundo descoñecemento do sistema de FP e o seu intento de paralizar o avance da Formación Profesional galega

Lun, 22/04/2013 - 19:32

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lamenta que a formación política Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) estea a mentir difundindo informacións nas que infla de forma esaxerada a inversión que o departamento educativo da Xunta de Galicia está a facer na certificación de calidade da rede de Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP). Neste sentido é necesario sinalar que os Orzamentos de 2013 dedican un total de 30.000 euros a esta avaliación externa, moi lonxe dos 460.000 aos que apunta AGE. Cómpre sinalar que o Goberno Bipartito destinaba arredor de 150.00 euros á avaliación, cando a rede de CIFP estaba composta por moitos menos centros.

Ademais, a avaliación non é realizada por ningunha xestoría, senón por AENOR, unha prestixiosa entidade especializada en certificación da calidade, sen ánimo de lucro que, con ese presuposto, realiza a certificación dos 17 CIFP dependentes de Cultura e Educación e de outra ducia de centros da Consellería que contan coa certificación UNE EN ISO 9001/2008.

As declaracións verquidas hoxe por esta formación política amosan, por parte da mesma, un profundo descoñecemento do sistema de Formación Profesional. Non en balde, cómpre recordarlle a AGE que tal e como fixa a normativa estatal e recolle a normativa autonómica, os CIFP deben estar inseridos nun proceso de calidade. De acordo a isto, para conseguir chegar a obter a correspondente certificación de calidade, os CIFP contan co asesoramento e tutela de empresas especializadas nesta materia, neste caso AENOR. A normativa básica estatal é tamén a que fixa que os directores destes centros sexan de libre designación.

 Por outra parte, e respecto da creación de 2 novos CIFP - As Mercedes, en Lugo, e a Carballeira-Marcos Valcárcel, en Ourense- a Consellería confirma que este trámite obtivo o ditame do Consello Galego de FP, tras o que pasou polo Consello da Xunta. A Consellería lamenta pois que AGE dubide da corrección coa que a Xunta de Galicia desenvolve os trámites administrativos pertinentes, e que coas súas acusacións infundadas estea a procurar a paralización do avance da FP galega.