A cidade de Ferrol celebra a primeira xornada da súa XXIV Feira do Libro co apoio da Consellería de Cultura e Educación

A atención ao libro dixital e a caseta outlet con libros de ocasión son algunhas das novidades coas que se presenta a nova edición desta cita cultura, a primeira das Feiras do Libro de Galicia 2013

Entre os meses de abril e de agosto, as Feiras do Libro de Galicia tamén percorrerán os concellos da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo, Viveiro, Foz, Monforte e Rianxo

Ven, 19/04/2013 - 20:04
 A cidade de Ferrol celebra a primeira xornada da súa XXIV Feira do Libro co apo
A cidade de Ferrol celebra a primeira xornada da súa XXIV Feira do Libro co apoio da Consellería de Cultura e Educación

A cidade de Ferrol celebra hoxe a primeira xornada da súa XXIV Feira do Libro, cita coa que se inician as Feiras do Libro de Galicia 2013, promovidas pola Federación de Librarías de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo: o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a presidenta da Federación de Librarías, Pilar Rodríguez; e o presidente da Agrupación de Libreiros de Ferrol, Manuel Rodríguez, foron os encargados de inaugurar oficialmente esta cita cultural, que se prolongará na cidade ferrolá ata o próximo mércores 23 de abril, data na que se conmemora o Día Internacional do Libro. O acto tamén contou coa partición do Real Coro Toxos e Froles de Ferrol.

Desde abril ata o mes de agosto, as Feiras do Libro de Galicia percorrerán as catro provincias galegas co obxectivo de “favorecer o contacto directo dos nosos cidadáns e cidadás coa actualidade dos libros e cos profesionais da súa comercialización”, afirmou Anxo Lorenzo. O secretario xeral tamén destacou tamén o interese destes encontros culturais arredor do libro, “que este ano se enriquecen con novas actividades de lecer para toda a familia”.

Ás 11:00 horas desta mañá, a Feira do Libro de Ferrol abría as súas portas, que estarán abertas de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas, mentres que durante a fin de semana o horario de mediodía se prolonga ata as 14:30 horas. A Libraría Cortizas (Ferrol), Metrópolis Cómics (Ferrol, especializada en cómic), Central Librera Dolores (Ferrol, especializada en libro naval e militar), Espacio Lector Nobel (Ferrol), Libraría Cartabón (Vigo, especializada en libro dixital) e A Serpe Edicións participan este ano na Feira do Libro de Ferrol, que tamén contará cunha caseta para Biblioteca Infantil, cun amplo catálogo de libros infantís a disposición dos máis pequenos, e cunha Caseta Outlet, con libros descatalogados e de ocasión.

As feiras chegarán ás catro provincias

A Feira de Ferrol é a primeira das 11 que conforman neste 2013 o calendario oficial de feiras do libro novo que organiza a Federación de Librarías de Galicia co apoio da Secretaría Xeral de Cultura. A continuación chegará a quenda de Santiago de Compostela, do 27 de abril ao 5 de maio; de Lugo, entre o 14 e o 19 de maio; de Pontevedra, do 21 ao 26 de maio; de Ourense, do 4 ao 9 de xuño; de Vigo, entre o 28 de xuño  e o 7 de xullo; da Coruña, do 1 ao 11 de agosto; de Viveiro, entre o 13 e o 16 de agosto; de Foz, do 17 ao 20 de agosto; de Monforte de Lemos, entre o 21 e o 24 de agosto; e de Rianxo, do 25 ao 28 de agosto, que será a última parada.

A colaboración entre a Consellería e a renóvase este ano co obxectivo de darlle un novo pulo ás feiras do libro como focos dunha variada oferta cultural para as familias e como unha oportunidade de difusión da actividade do sector editorial. Así, paralela á actividade das casetas, as Feiras do Libro 2013 contarán cun completo programa de actividades culturais, artísticas e de animación de rúa, entre outras, para a dinamización efectiva destes eventos. Co seu apoio ás feiras, o obxectivo da Xunta é impulsar o desenvolvemento e difusión da cultura galega, co seu apoio, xunto co editorial, a outros sectores da cultura galega, a través da aposta polos artistas de base e polas compañías galegas.

Unha edición máis, a Secretaría Xeral de Cultura aposta por facer das Feiras do Libro un escaparate único para dar a coñecer a actividades do sector do libro galego, así como para a difusión e o fomento do hábito lector entre a cidadanía e unha oportunidade para a unión e o intercambio de ideas entre os libreiros.