O conselleiro de Cultura e Educación felicita ás mestras e irmás Abelleira pola obtención do premio Francisco Giner de los Ríos á mellora da calidade educativa
As docentes, de segundo ciclo de educación infantil en centros educativos de Ames, acadaron o prestixioso galardón polo seu blogue ‘InnovArte Educación Infantil’
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, felicitou hoxe ás irmás Ángeles Abelleira e Isabel Abelleira pola obtención do premio Francisco Giner de los Ríos á mellora da calidade educativa; no marco dun encontro ao que asistiu tamén o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal. O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte outorgou este prestixioso galardón ás mestras – que exercen a docencia no segundo ciclo de educación infantil en centros educativos de Ames – polo seu blog ‘InnovArte Educación Infantil’. Este proxecto nado en xaneiro de 2010, recibe unha media diaria de 1.500 visitas e conta cun arquivo de máis de 800 entradas. O blog, de formato bilingüe, é consultado tanto desde Galicia e o resto do Estado español como desde outros países da Unión Europea - Italia, Portugal- e desde varios países iberoamericanos, como Venezuela, Perú ou Arxentina, entre outros.
O conselleiro puxo a estas profesoras como exemplo do “incalculable valor do labor que os docentes galegos están a realizar para elevar a excelencia do noso sistema educativo”. “O seu esforzo, representado nas irmás Abelleira, por adaptarse aos novos tempos e poñer en marcha iniciativas pedagóxicas innovadoras é a mellor garantía para acadar un avance real cara á mellora da calidade dun ensino que está cada vez máis preparado para dar resposta aos retos que a vida actual lle propón”. Neste sentido, gabou a dedicación destas mestras ao ensino, unha actividade que desenvolven fóra do seu horario de traballo co fin e obxectivo de intercambiar experiencias educativas e reflexións con outras profesoras e profesores, “sempre co obxectivo de lograr a mellor formación para as alumnas e alumnos”.
Así mesmo, Vázquez Abad valorou moi positivamente o feito de que as autoras do blog teñan incluído nel un código deontolóxico no que se recollen as pautas ás que se teñen que axustar as entradas publicadas, e no que se recollen principios tan importante como a relación entre a familia e a escola, entendida desde a súa participación e corresponsabilidade; ou o impulso a actividades que dean resposta a problemas reais da vida cotiá, e nas que os pequenos sexan parte activa, non meros executores.
Información para as familias e os profesionais
‘InnovArte Educación Infantil’ (http://innovarteinfantilesp.wordpress.com/ ) divídese en 16 categorías, nas que se propoñen actividades relacionadas coa arte, a literatura, os aspectos emocionais, ou a introdución da ciencia, do pensamento e do método científico na escola, e experiencias de aula e recursos para o uso da música e das TIC no ensino. Así mesmo publícanse artigos sobre literatura infantil e a poesía, información de interese para as familias, e novas sobre a alfabetización visual.
Ademais, no apartado ‘FormArte’ recolle o último sobre a oferta formativa para profesionais da etapa de educación infantil, ao igual que ‘PremiArte’ está dedicado a convocatorias de premios, e ’LexislArte’ á análise da lexislación aplicable a esta etapa da educación. As entradas complétanse cun rico arquivo de máis de 160 álbumes de fotos.