Xesús Vázquez Abad inaugura no Museo do Mar de Galicia ‘Barcos en miniatura’, unha mostra que reproduce as naves máis emblemáticas das costas galegas

Para Vázquez Abad ‘Barcos en miniatura’ “vén a poñernos en contacto co noso pasado, coas formas de abrir camiños cara aos bens que necesitabamos e de trazar destinos individuais e colectivos”

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria salientou enxalzou a figura de Santiago Signo “pola súa constancia á hora de reproducir aqueles navíos e por nos dar a posibilidade de contemplar a magnífica colección aquí”

A presentación da mostra, que pasa a formar parte da exposición permanente do museo, contou coa presenza da directora do Museo do Mar, Marta Lucio e pola familia de Santiago Signo.

A mostra, estruturada en tres salas con 17 maquetas, compleméntase cunha colección de fotografías mariñas do camarógrafo francés Lucien Girarden.

Mér, 17/04/2013 - 19:42
 Xesús Vázquez Abad inaugura no Museo do Mar de Galicia ‘Barcos en miniatura’, u
Xesús Vázquez Abad inaugura no Museo do Mar de Galicia ‘Barcos en miniatura’, unha mostra que reproduce as naves máis emblemáticas das costas galegas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou esta mañá no Museo do Mar de Galicia a exposición ‘Barcos en miniatura’ conformada por 17 maquetas que recollen as naves máis emblemáticas das costas galegas, buques pesqueiros ou embarcacións históricas da colleita de Santiago Signo. Segundo o conselleiro, a mostra “vén a poñernos en contacto co noso pasado, coas formas de abrir camiños cara aos bens que necesitabamos e de trazar destinos individuais e colectivos”. Na presentación da mostra que pasa a formar parte da exposición permanente do Museo do Mar de Vigo o conselleiro estivo acompañado pola directora do Museo do Mar, Marta Lucio, e pola viúva e fillos de Santiago Signo.

Na súa intervención, o conselleiro enxalzou a figura de Santiago, perito de profesión, asegurando que o modelista vigués “faise acredor da nosa inmensa gratitude pola súa constancia á hora de reproducir aqueles navíos de antano e por nos dar a posibilidade de contemplar a magnífica colección aquí, na casa consagrada a reunir os valiosísimos materiais xurdidos como crebas da historia para a nosa comunidade”. Froito da súa actividade, Santiago Signo reproduciu ao longo da súa carreira unhas 15 maquetas de gran calidade, “un traballo enorme e paciente dunha persoa que investiu miles de horas na recreación dos vellos navíos que arribaron aos nosos portos”, engadiu.

A exposición, estruturada en tres salas, amosa na planta baixa un percorrido polos diferentes tipos de embarcacións típicas de Galicia. En total son seis réplicas que falan “dunha tradición antiga, de homes e mulleres que gozaron e sufriron ao carón dunhas augas ricas e difíciles; dun Atlántico tan acolledor coma devastador, que modulou a súa forma de sentir e de transformar a realidade para a faceren habitable”.

Cara o peche da súa intervención o titular de Cultura e Educación sinalou como a exposición permanente no Museo do Mar de Galicia supón unha “excelente xestión museística, e tamén dunha intención clara de mellorar co paso do tempo na oferta cara a un público interesado en descubrirse na súa historia, ou de descubrirnos como pobo con raíces sólidas e profundas”.

17 maquetas provistas en tres salas de exposición

‘Barcos en miniatura’ é un novo espazo do Museo do Mar de Galicia dedicado principalmente ao maquetismo naval.  Nel poderanse contemplar ata 17 xoias desta disciplina, construídas a súa maioría por Santiago Signo (1930-2010), un vigués perito industrial de profesión, pero modelista naval de corazón.

A mostra expositiva ordénase en tres salas. A primeira delas, a planta baixa, componse por seis maquetas que reflicten as diferentes tipoloxías de embarcacións tradicionais de Galicia. Todas elas veñen acompañadas dunha explicación técnica, e as de Signo, ademais, do plano e alzado da embarcación feitos polo propio maquetista. Dentro destas seis miniaturas destacan a gamela confeccionada por Marisa Pérez Lorenzo –nave moi primitiva de forma cuadrangular habitual de A Guarda e Coruxo- e a dorna –a embarcación máis senlleira e representativa de Galicia e posiblemente a única que se relaciona coas embarcacións nórdicas pola súa semellanza-. As outras catro réplicas, construídas pola man de Santiago Signo son: ‘Julia López’, inspirado nun pailebote noiés de cabotaxe de 1895, ‘Caroucho’, que representa unha embarcación tradicional para a pesca da angula no río Miño, ‘María Teresa’, copia dun patache de 1900 das Rías Baixas dedicado ao transporte de mercadorías, e un galeón das rías.

No tocante á primeira planta, o Museo do Mar amosa unha selección de embarcacións históricas elaboradas por Santiago Signo ao longo da súa vida. En concreto son 8 maquetas entre as que podemos observar goletas baleeiras, buques de pasaxe, clippers e ata un galeón, todo isto complementado por unha carta mariña orixinal. En paralelo a esta sala ofrécese un espazo anexo no que as maquetas de gran dimensión de tres buques pesqueiros están acompañadas por fotografías do artista francés, Lucien Girarden. Estas instantáneas –parte da colección ‘Bateaux de Glace’- mostran como os pescadores galegos enrolábanse nas parellas de arrastreiros na procura do bacallao nas xélidas augas de Terranova.

O artista: Santiago Signo

Santiago Signo desenvolveu a súa vida profesional como perito industrial. O xermolo da súa afeción iníciase no porto da Guarda na súa máis tenra infancia. Con 14 anos chega a Vigo e xa nese intre realiza un modelo do cruceiro ‘Navarra’. Dende o Real Club Náutico de Vigo, José María Massó, creador nesa institución dunha seCción de modelismo naval, daralle un pulo definitivo á súa ocupación como maquetista. Nese momento realiza a súa primeira obra, o galeón ‘San Fernando’ de 1550, actualmente depositado no Museo do Mar de Galicia.

En 1955 múdase a Puertollano (Ciudad Real), polo que abandona o maquetismo ata que regresa a Vigo a comezos dos anos 70. Através dun arquitecto francés accede ao Musée National de Marine de Francia e aos planos navais que alí se custodiaban. Así comeza a construción da maqueta do barco ‘La Toulonnaise’, que lle servirá para entrar en contacto con outros materiais coma o cobre e o latón, iniciándose na técnica da soldadura do estaño. Seguindo modelos do mesmo museo construirá o vapor ‘Le Sphinx’. Nunha nova etapa constrúe a goleta baleeira ‘Agata’, baseándose nun plano de José María Massó, e máis tarde fará unha fragata tipo clipper, o ‘Kingfisher’. Así tamén reproduce a goleta baleeira ‘Bluenose’, o pailebote ‘Isaac Web’ ou as fragatas ‘Black Ball’, ‘San Leandro’ e ‘Releigh’.

Máis tarde abordará a reprodución de embarcacións tradicionais baseadas nos seus propios planos apoiándose en embarcacións a flote, fotografías e medios cascos. Sairán das súas mans agora o patache ‘María Teresa’ e os modelos de ‘Galeón das Rías’ e ‘Corocho do Miño’. Os derradeiros modelos que aborda serán o galeón ‘San Leandro’ e, pouco antes do seu pasamento, o pailebote ‘Indus’.

Signo é sen dúbida un maquetista excepcional, as apenas 15 maquetas que constrúe ó longo da súa vida están cheas de paciencia e bo facer; son, en definitiva, a plasmación do seu profundo amor polo mar. A súa contemplación énchenos a imaxinación da mística das vellas singraduras oceánicas.