A Consellería de Cultura e Educación, AMTEGA e CESGA asinarán un convenio para o desenvolvemento da “Rede de Escolas na Nube”

Trátase dun proxecto de innovación educativa que tenta desenvolver unha contorna de colaboración e aprendizaxe en comunidade, baseada en servizos ‘cloud’ e software aberto para os Centros Rurais Agrupados.

A iniciativa é coordinada polo CESGA, e conta coa participación da área de I+D+I da empresa galega BALIDEA

Dom, 14/04/2013 - 09:05
A Consellería de Cultura e Educación, AMTEGA e CESGA asinarán nun convenio para
A Consellería de Cultura e Educación, AMTEGA e CESGA asinarán nun convenio para o desenvolvemento da “Rede de Escolas na Nube”

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira Álvarez, asinarán o vindeiro venres día 19 un convenio de colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia, dependente da Axencia Galega da Innovación, representada polo seu director Manuel Varela Rey e polo propio director xerente do CESGA, Javier García Tobío.

O obxecto do convenio é establecer o marco de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Centro de Supercomputación de Galicia para a desenvolvemento do proxecto de innovación “Rede de Escolas na Nube”, que ten como finalidade a análise e optimización de ferramentas e metodoloxías baseadas na computación cloud (na nube) para atopar unha solución de alta calidade que permita mellorar as propostas educativas, a comunicación e o traballo colaborativo entre o profesorado, alumnado e familias das escolas rurais.

Contidos na rede

Esta innovadora solución adecúase ás necesidades e tipoloxía específica dos Centros Rurais Agrupados (CRAs) de Cultura e Educación. Un CRA é un centro público ubicado na contorna rural, que imparte educación infantil e primaria, e que ten a particularidade de que está composto por varias escolas en aldeas distintas, pero que funciona como unha única escola a nivel administrativo e funcional, cun claustro común de mestres, etc. Este modelo funciona en toda España dende os anos 90, e permite proporcionar un ensino de calidade cunha alta integración nas comunidades rurais.

Na actualidade, a experiencia piloto estase a desenvolver en catro Centros Rurais Agrupados: o CRA de Vilaboa, o CRA Amencer en Ribadavia, o CRA Boqueixón-Vedra,  e o  CRA Nosa Señora do Faro, en Ponteceso. Entre eles abarcan 22 escolas unitarias rurais nas provincias de Pontevedra, Ourense e A Coruña, con 60 docentes e 333estudantes dende os 3 aos 7 anos participando no proxecto dende o principio de curso.

Co proxecto Rede de Escolas na Nube a Consellería de Cultura e Educación tenta acadar unha solución tecnolóxica baseada en computación na nube á que se accede mediante un navegador web para os usuarios finais (alumnos de diferentes idades, mestres, familias). A contorna permite unha gran flexibilidade para adaptarse ao traballo de cada centro, así como permitir  unha  autonomía na xestión da comunicación e as propostas da aprendizaxe individualizado de cada CRA, contando con recursos como multiconferencia, repositorios na nube comúns e individuais, ferramentas de edición de contidos educativos, etc. Ademais desta contorna autónoma de centro, o proxecto tenta acadar unha solución integrada que permita a comunicación e a colaboración entre os diferentes centros de forma sinxela e superando as distancias, creando unha rede común de aprendizaxe e colaboración en comunidade.

Esta iniciativa vén de ser galardoada recentemente nos premios Computerworld 2012 Iberoamérica, na categoría ‘Cooperación ao desenvolvemento e Inclusión dixital’. Previamente, no 2011, xa recibira outro prestixioso galardón nos Premios internacionais Educared.