Cultura e Educación celebra o 20 de abril no Museo Centro Gaiás o “Concerto Galician Connection” con 9 grandes da música

Cristina Pato reúne nun escenario a Jorge Pardo, mellor músico de jazz europeo, Wu Tong, William Harvey, Eliseo Parra, Víctor Prieto, Omar Sosa, Rosa Cedrón e Isaac Palacín

As entradas están á venda no Punto On do Gaiás e en servinova.com

Sáb, 13/04/2013 - 10:35
Cultura e Educación celebra o 20 de abril no Museo Centro Gaiás o “Concerto Gali
Cultura e Educación celebra o 20 de abril no Museo Centro Gaiás o “Concerto Galician Connection” con 9 grandes da música

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xunto a Cristina Pato reunirán o vindeiro 20 de abril sobre o escenario do Museo Centro Gaiás a nove grandes da música. Será no Concerto Galician Connection, un espectáculo musical único que combinará temas das máis diversas tradicións culturais.

O Concerto Galician Connection conta cun cartel inédito que reúne unha coidada selección de artistas con traxectorias moi diversas e dunha calidade extraordinaria como a do frautista e saxofonista Jorge Pardo, elixido Mellor Artista de Jazz Europeo e responsable dunha nova linguaxe mestiza entre o jazz de raíz e o flamenco.

Xunto a el e á directora do festival, Cristina Pato, estarán Wu Tong, considerado unha das figuras máis importantes da música tradicional chinesa; o compositor, director de orquestra e pianista de jazz cubano Omar Sosa; o violinista e emprendedor norteamericano residente en Afganistán, William Harvey; o percusionista e especialista en músicas tradicionais, Eliseo Parra; o acordeonista galego residente en Estados Unidos, Víctor Prieto; a cellista e cantante galega Rosa Cedrón; e o percusionista galego e membro de Berrogüetto, Isaac Palacín.

O Concerto Galician Connection 2013 terá lugar o sábado 20 de abril a partir das 21:00 horas. As entradas xa están á venda no Punto On da Cidade da Cultura a un prezo de 15 euros e no portal www.servinova.com a 15€+gastos de xestión. Tamén será posible retirar a entrada o propio día do concerto na billeteira do Museo Centro Gaiás a un prezo de 18 euros.

Programa de formación exclusivo

Xuntos sobre o escenario, estes oito mestres da música e Cristina Pato interpretarán un repertorio artellado ao longo de catro días de convivencia no Museo Centro Gaiás no marco do programa formativo Galician Connection 2013.

Un exclusivo programa que arranca o vindeiro 18 de abril ata o domingo 21 e que  inclúe clases prácticas, asistencia a ensaios e encontros “cara a cara”. Nel, os participantes inscritos terán a oportunidade de concertar pequenas entrevistas individualizadas con calquera dos músicos que participan, ao tempo que accederá a workshops onde afondar no coñecemento de distintas realidades musicais do mundo e aproximarse a instrumentos singulares e aos ensaios preparatorios do gran concerto final.

A inscrición ao programa formativo de Galician Connection ten unha matrícula de 90 euros, reducida no caso de que sexan estudantes (70 euros). Para realizar a inscrición só hai que entrar en www.cidadedacultura.org e cubrir o formulario online dispoñible.