A Consellería de Cultura e Educación organiza os ‘I Encontros de Educación Infantil e Primaria’ onde máis de 600 profesionais compartirán as súas experiencias
As xornadas, que por vez primeira reúnen a dúas etapas conxuntas, terán lugar entre hoxe e mañá no Palacio de Congresos e estarán desenvoltas polo CAFI ao abeiro do ‘Plan Anual de Formación do Profesorado’
A inauguración dos encontros estivo presidida polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira
O director xeral animou aos profesores a participar en todas as actividades formativas promovidas pola Consellería xa que son as súas achegas “as que acadan o avance e a mellora do sistema educativo”
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no marco do seu ‘Plan Anual de Formación do Profesorado’ organiza e impulsa os ‘I Encontros de Educación Infantil e Educación Primaria’ desenvoltos polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e que terán lugar entre a xornada de hoxe e mañá –12 e 13 de abril– no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela. As sesións, conformadas por 12 horas presenciais e que, por vez primeira, reúne a dúas etapas educativas conxuntas –infantil e primaria–, nace co obxectivo de crear un espazo onde compartir experiencias, facer visibles boas prácticas de aula e motivar ao profesorado destes ciclos formativos. Máis de 600 mestras e mestres porán enriba da mesa diferentes temáticas que serán posteriormente retomadas nas modalidades de formación en centros converténdose deste xeito nunha actividade xeradora de inquietudes e significativa na formación do profesorado.
A inauguración destes primeiros encontros de educación infantil e primaria estivo presidida polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, quen asegurou que a asemblea converterase “nun espazo de intercambio entre os docentes destas etapas educativos, na que se promova a actualización científica e didáctica do profesorado”. Durante “estes dous días intensos”, os profesores compartirán as súas “experiencias e vivencias de aula e mesmo os retos de futuro”.
O director xeral expuxo a “necesidade de reformular a práctica educativa se se pretende mellorar as competencias do noso alumnado”. Neste sentido, apuntou que o aspecto central da educación “non é a acumulación de coñecementos, senón o desenvolvemento das posibilidades que posúe o individuo mediante fórmulas ‘de saber’ e ‘de facer’ contextualizadas”. “O paradigma debe ser o de ‘aprender a aprender’ e de ‘aprender facendo’”, engadiu.
No seu discurso, lembrou a vontade de todas as actividades formativas promovidas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria afirmando que “pretenden mellorar as competencias profesionais do profesorado necesarias para afrontar e dar resposta aos retos educativos actuais, impulsando a súa aplicación e desenvolvemento na aula, buscando a excelencia educativa e a mellora da calidade da educación, e dos resultados escolares so noso alumnado”. Do mesmo xeito animou aos docentes a participar na outra vertente do proxecto, os Plans de formación permanente do profesorado a implantar nos centros educativos públicos dependentes da Consellería para así “favorecer unha maior implicación e participación do profesorado, o afianzamento do traballo en equipo e unha maior integración nos seus proxectos educativos e curriculares”.
No epílogo da súa intervención, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa gabou o papel do docente como “fundamental, pois debe ir axudando ao neno e á nena a medrar dende as súas hipóteses, teorías e coñecementos previos ata interpretar o mundo”. “Son as vosas achegas as que fan o avance e a mellora do sistema educativo”, rematou.
Programa e sesións
Os ‘I Encontros de Educación Infantil e Educación Primaria’ organízanse en dúas xornadas que ocuparán desde as primeiras conferencias previstas para hoxe ata mañá venres. No día de hoxe a temática centrarase na transición entre a etapa de infantil e a etapa de primaria. Así, tras a inauguración, o catedrático de Didáctica e Organización Escolar na Universidade de Málaga, Miguel Ángel Santos Guerra, abrirá o ciclo de sesións co relatorio ‘Un paso decisivo, de infantil a primaria’. María Jesús Enguidanos e Rosana Barros, do CEIP Isidora Riestra, pecharán a primeira parte do programa coa exposición ‘Aprendendo cos proxectos: A fábrica de conservas’.
Dentro da primeira quenda do venres –centrada nas orientacións para unha boa práctica educativa que contribúa a crear comunidades de aprendizaxe e adquisición da competencia emocional–, o catedrático da Universidade de Barcelona, José Ramón Flecha García iniciará os relatos expositivos coa súa intervención ‘Centros educativos como comunidades de aprendizaxe’. Ana María Pérez, do CPI de Castroverde rematará as sesións matutinas. Xa pola tarde, o licenciado en Filosofía e formador autónomo e educador emocional, Josep Toll Sayers acometerá o relatorio ‘Percibir, pensar, sentir e facer; a educación emocional’. Esther Domínguez Dubra, collerá a testemuña con ‘A escola de emocións’. ‘A música no faiado: Un poema sonoro’, de Tomás Rábanos será a alocución que baixe o pano desta primeira edición dos Encontros de Educación Infantil e Educación Primaria.