A Consellería de Cultura e Educación considera irresponsable a renuncia dalgunhas organizacións sindicais a participar no debate de elaboración do decreto de comedores escolares

Os sindicatos CIG, CCOO e UXT decidiron abandonar a mesa sectorial, amosando unha total falta de vontade negociadora

Ven, 12/04/2013 - 17:37

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lamenta e considera irresponsable a renuncia da Confederación Intersindical Galega (CIG), a negociar o texto do decreto de comedores na mesa sectorial do ensino non universitario celebrada hoxe. Desta forma a organización sindical manifesta a súa total falta de vontade negociadora, facendo xuízos previos sobre a intención da Consellería de non negociar que, á postre, se viron desmentidas pola realidade dos acordos acadados nesta reunión. Ademais, tanto a CIG como as centrais que secundaron a súa postura – Comisión Obreiras e Unión Xeral de Traballadores- perderon unha oportunidade de defender os intereses dos seus afiliados.

Na reunión de hoxe, convocada o pasado martes pola Consellería, o sindicato CIG plantexou disconformidade coa data e hora de celebración da mesa, manifestando que a Administración non tiña vontade de negociación, dado que os acordos aos que eventualmente se puidese chegar hoxe non poderían incorporarse ao debate no Consello Escolar de Galicia ( que se celebrará o vindeiro mércores). O representante desta organización, Anxo Louzao, manifestou que a intención da Consellería era cumprir unicamente un trámite e non levar a cabo unha negociación, cualificando a reunión como un “paripé”.

En resposta a esta cuestión previa, o secretario xeral técnico da Consellería respondeu que a Administración convocou a mesa co ánimo de negociar aqueles aspectos que afectan ás condición de traballo dos empregados públicos e que os acordos aos que se poida chegar serían elevados ao Pleno do Consello Escolar para o seu debate.

Tralo plante das devanditas organizacións sindicais, a mesa continuou celebrándose cos representantes sindicais que mantiveron a súa presenza, e que formularon catro propostas, das que tres foron aceptadas pola Consellería, e unha postergada a un estudo a vindeira semana. Así, a Administración educativa aceptou a proposta do sindicato ANPE de introducir no texto do decreto referencias á formación do profesorado e do persoal en materia de comedores. Así mesmo aceptou facer unha referencia ao deseño de menús saudables e nutricionalmente equilibrados no texto do decreto. A terceira destas suxestións aceptada pola Consellería, foi a proposta do sindicato de rebaixar o prezo do menú para os profesores non colaboradores - fixado en 5,55- a 4,50 euros. que é o prezo público máximo fixado para as familias no decreto. A Consellería introducirá estas modificacións no texto que se someta a debate no Consello Escolar, manifestando deste modo a súa vontade de negociar e consensuar, que foi cuestionada polos sindicatos que abandonaron a mesa.

Neste sentido, os compromisos acadados co sindicato presente na reunión son unha clara proba de vontade negociadora. Ademais, o vindeiro mércores a Consellería reunirase co Comité Intercentros para debater o texto do decreto naqueles aspectos que afectan ás condicións de traballo do persoal laboral.

Un sistema máis xusto para ampliar o número de usuarios

O novo sistema de prezos públicos para os comedores xestionados pola Consellería Cultura, Educación e Ordenación Universitaria permitirá que o 70% dos usuarios teñan o servizo gratuíto ou pagando 1 euro por menú. De feito,  as familias que conten cunha renda per cápita anual de 7.000 euros ou inferior gozarán da gratuidade total. Así, este sistema é máis xusto e solidario e ademais corrixe o copago instaurado polo Bipartito, que non era xusto para as familias que menos ingresos teñen. Esta medida permitirá incrementar a rede de comedores xestionados pola Consellería.

Cómpre salientar o importante esforzo económico realizado pola Xunta de Galicia para, en dúas lexislaturas, incrementar en máis de 18.000 o número de prazas gratuítas nos comedores escolares que xestiona, das que 11.000 serán gratuítas e en outras 2.000 só haberá que pagar un euro por menú. Desde  2007 o orzamento destinado a este servizo incrementouse desde os 14 aos 27,8 millóns de euros.