O conselleiro de Cultura e Educación salienta na inauguración de Edugal o valor decisivo do profesorado e dos centros educativos como piares do sistema de ensino

A Consellería apoia e presenta no II Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia a oferta educativa non universitaria de Galicia a través dun stand, así como a través da presenza de varios centros do sistema educativo galego

Ven, 12/04/2013 - 12:11
 O conselleiro de Cultura e Educación salienta na inauguración de Edugal o valor
O conselleiro de Cultura e Educación salienta na inauguración de Edugal o valor decisivo do profesorado e dos centros educativos como piares do sistema de ensino

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe o papel decisivo do profesorado e dos centros educativos, “entregados á mellora da calidade do ensino” como “apoio imprescindible e sostén necesario para o correcto funcionamento do noso sistema educativo”. na inauguración do II Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia, Edugal 2013. Así mesmo, valorou moi positivamente a iniciativa da Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (AEMPE) “pola valentía demostrada ao apostar por unha feira dedicada ao ensino”, un proxecto que destaca a educación como valor prioritario liderado por un grupo de empresarios “nun mundo cada vez máis complexo e competitivo”. Neste sentido o conselleiro salientou a importancia de aproveitar sinerxías e traballar de xeito coordinado, xa que  é como se fai posible avanzar cara a excelencia.

Acompañado polo director de Edugal, Eduardo Barros, o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e mais pola deputada provincial de Pontevedra Ana Isabel Vázquez, o conselleiro pechou o acto co que se inicia unha programación de 3 días no recinto feiral da cidade do Lérez, nos que os visitantes poderán informarse de toda a oferta formativa que nestes momentos se está a impartir en Galicia. No acto inaugural participaron ademais a concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, Carlota Román, o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería, José Manuel Pinal, o xefe territorial de Cultura e Educación na provincia, César Pérez Ares, e a subdirectora de FP, María Eugenia Pérez Fernández.

Nesta segunda edición de Edugal a Consellería apoia, participa e presenta a oferta educativa non universitaria de Galicia a traves dun stand, así como a través da presenza de varios centros do sistema educativo galego. En concreto, contan con cadanseu stand os IES Chan do Monte, Montecelo e Luis Seoane, as escolas superiores de Arte Dramático de Galicia e de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, o CIFP A Xunqueira, e a Escola de Imaxe e Son de Vigo. Ademais no salón participan universidades e outras entidades educativas, tanto galegas como do resto de Estado, coa presenza tamén de Portugal a través da Universidade Fernando Pessoa e do Instituto Politécnico de Braganza. O evento vai especialmente dirixido a nais e pais, alumnado de 4º de ESO, bacharelato e FP, a orientadores, profesionais do ensino, centros educativos, empresas e formadores para o emprego.

A educación, clave para saír da crise

Tal e como explicou o conselleiro, iniciativas como a de Edugal teñen unha gran importancia para orientar a todos aqueles que se atopan nun momento da súa vida na que teñen que tomar unha decisión que condicionará o seu futuro, como a elección dunha vía de continuar a súa formación - universidade, FP ou ensinanzas artísticas e musicais-, así como para as persoas “que queren retomar uns estudos que deixaron por diversas circunstancias”. Neste sentido salientou o  traballo da Consellería de Cultura para apoiar o sistema educativo galego a través de catro piares básicos: a ampliación da oferta en Formación Profesional e adaptación dos novos currículos ás necesidades socioprodutivas do tecido empresarial galego, a potenciación da aprendizaxe das linguas, a inserción das tecnoloxías da comunicación no día a día do alumnado, e a adaptación e desenvolvemento da lexislación educativa “para que responda dun xeito máis eficaz á nosa realidade, e sempre na procura dunha educación de calidade, equitativa e orientada á excelencia”.

Así, sinalou a educación como o elemento clave para a saída da crise, “unha saída que acadaremos pola vía do esforzo, transmitíndolles ás nosas alumnas e alumnos que sen traballo duro e sacrificio nada chega”.

Exposición e actividades formativas

Durante estes días o recinto feiral albergará un espazo de stands informativos da oferta de FP, universitarios e outros estudos superiores, así como a de ensinanzas para a aprendizaxe de idiomas, de estudos no estranxeiro, e formación militar. Ademais, o salón ofrece información sobre bolsas, webs especializadas e portais de emprego, así como sobre as posibilidades de aplicación das novas tecnoloxías ao ensino e a aprendizaxe.

Esta segunda edición de Edugal conta cunha presenza reforzada de empresas e institucións do norte de Portugal, así como de centros de ensino desta rexión, co fin de favorecer a mobilidade do estudantado entre Galicia e esta zona do país luso.

A maiores da parte expositiva, o programa de actividades do evento complétase con Formaedugal, relatorios, charlas informativas, obradoiros e debates paralelos á actividade que se desenvolva nos stands. Na xornada de hoxe o tema abordado será o futuro profesional e a formación, mentres que na de mañá as intervencións xirarán arredor da entrevista de traballo, o coaching e a motivación. Así, os relatorios abordarán temas como a FP dual, a relación entre empresa e universidade, a mellora das competencias en lingua inglesa, ou os perfís profesionais máis demandados polo mercado laboral. Así mesmo prestarase orientación individualizada a todos os visitantes que o soliciten, e celebraranse obradoiros e exhibicións de radio, globoflexia, danza e esgrima, entre outras disciplinas.

Actividades paralelas

Neste marco do Edugal 2013 desenvolverase ademais a final do concurso escolar ‘Olimpíadas no recreo’, na que se decidirá o gañador dunha competición na que competiron un total de 300 alumnas e alumnos de 5º e 6º de primaria. Neste certame participaron estudantes dos colexios pontevedreses CEIP A Carballeira, CEIP A Xunqueira I, CEIP Álvarez Limeses, CEIP Cabanas, CEIP Santo André de Xeve. CEIP Marcón, e CEIP San Benito Lérez; que deberon superar un xogo estruturado en catro áreas: Pasapalabra, Científica, Saúde e Carreira de Orientación.

As actividades paralelas complétanse co congreso rexional da Confederación de Pais de Alumnos (CONFAPA) e da Federación Provincial de ANPA de Centros Pontevedra (FANPA), que se celebra o día 13.