A Xunta aforra 617.506 euros nos gastos correntes de AMTEGA, o CPDI, AGADIC, Bibliotecas e Arquivos e Fundación Cidade da Cultura tras os procesos de licitación

O traslado de organismos e servizos da Administración galega ao complexo construído no Gaiás está a permitir á Xunta significativos aforros en alugueiros e gastos correntes xa que, ao concentrar contratos, pódese acceder a tarifas máis vantaxosas

A competición entre empresas pola adxudicación destes contratos sáldase cunha baixada de 12,44 no contrato de limpeza; de 15,7 no de mantemento; de 5,5 no de seguridade e de 4,8 no de enerxía.

O 45% do subministro de electricidade, o máis elevado dos catro contratos, corresponde ao Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI), o “corazón dixital” da Administración galega, que da servizo a 1.260 centros administrativos, 1.400 centros educativos, 600 centros sanitarios, 322 entidades xudiciais, 1500 oficinas de farmacia e 91.190 empregados públicos

Xov, 11/04/2013 - 18:56
 A Xunta aforra 617.506 euros nos gastos correntes de AMTEGA, o CPDI, AGADIC, Bi
A Xunta aforra 617.506 euros nos gastos correntes de AMTEGA, o CPDI, AGADIC, Bibliotecas e Arquivos e Fundación Cidade da Cultura tras os procesos de licitación

Os concursos de licitación dos contratos de limpeza, mantemento, vixilancia e enerxía da Axencia Galega de Modernización (AMTEGA), do Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI) da Xunta de Galicia, da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), dos servizos de Bibliotecas e Arquivos da Secretaría Xeral de Cultural e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia remataron cunha baixada dun 9,6 por cento a respecto dos importes de licitación. A competición entre empresas por conseguir a adxudicación destes concursos fixo posible un aforro de 617.506 euros sobre o custe previsto.

O traslado destes servizos e organismos da Administración galega ao complexo construído no Gaiás está a permitir á Xunta de Galicia significativos aforros en alugueiros e gastos correntes xa que, ao centralizar os contratos, é posible acceder a condicións máis vantaxosas: a maior volume, tarifas máis baixas.

Do mesmo xeito, a aprobación do Plan Gaiás, que consolida os usos dos diferentes edificios, permite unha planificación de futuro facendo posible negociar contratos plurianuais, o que neste caso se traduciu tamén en mellores tarifas. Os catro contratos adxudicados teñen unha duración de dous anos, prorrogables a catro.

O aforro derivado da competición de empresas nos procesos de licitación foi especialmente importante nos contratos de limpeza, cunha baixada dun 12,44 por cento; e no de mantemento, cunha redución dun 15,76. A redución foi tamén notable no de vixilancia, cunha baixada de 5,5 puntos. No caso dos contratos de enerxía o aforro foi dun 4,8.

Do total de gasto previsto, o 20,1 por cento corresponde a Amtega e o CPDI, o 22,65 os servizos de Bibliotecas e Arquivos da Secretaría Xeral de Cultura e o 1,48 por cento a AGADIC. O 55,77 por cento restante corresponde o Centro de Emprendemento Creativo, onde se ubica tamén o espazo de coworking “Emprende Cultura Gaiás”, o Centro de Innovación Cultural (CINC), á sede da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e de Amtega, o Museo Centro Gaiás, e os espazos exteriores do complexo, comúns a todos os organismos.

No que atinxe ao gasto de electricidade cómpre destacar que o Centro de Proceso de Datos Integral representa case a metade do total do subministro, un 45 por cento. O chamado “corazón dixital” da Administración galega da servizo continuo (24 horas ao día, 365 días ao ano) a 1.260 centros administrativos, 1.400 centros educativos, 600 centros sanitarios, 322 entidades xudiciais, 1.500 oficinas de farmacia e 91.190 empregados públicos. 

Segundo as adxudicacións aprobadas, os contratos de suministro terán os seguintes importes anuais: limpeza, 388.552,18 euros (IVE incluído); o de mantemento, de 712.253,14; o de vixilancia de 713.900; o de electricidade, de 1.556.015,28. O aforro con respecto aos importes de licitación é de 617.505 euros.

As empresas que resultaron adxudicatarias foron: limpeza Star Servicios (Sociedad para el Tratamiento de Aguas Residuales); mantemento, Ferrovial Servicios, S.A. (Ferroser); Vixilancia, Alcor Seguridad S.L.; enerxía eléctrica, Iberdrola Generación S. A.

Con estas medidas avánzase no programa de aforro e optimización de recursos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a aplicar no complexo do Gaiás. Con este mesmo obxectivo téñense adoptado decisións importantes, como a suspensión das obras dos Centro de Arte Internacional e do Centro da Música e das Artes Escénicas. Neste mesmo obxectivo deben enmarcarse os acordos coa Fundación privada Gaiás, que este ano financiará o cen por cen da programación cultural, evitando que supoña un custo para a Xunta de Galicia.