A Consellería de Educación investirá preto de 600.000 euros máis na renovación do CEIP Ramón Cabanillas, en Santiago
O Consello da Xunta deu o visto e prace ao proxecto complementario para a mellora das infraestruturas de seguridade do centro
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de ampliar o orzamento para as obras de renovación e reposición do CEIP Ramón Cabanillas, demostrando de novo o seu firme e decidido compromiso cos centros educativos da cidade de Santiago de Compostela. Co fin de instalar infraestruturas que melloren a seguridade deste colexio, destinaranse preto de 600.000 euros á colocación de condutos para garantir as renovacións necesarias de aire interior, protección dunha estrutura metálica contra o lume, de cara ás evacuacións do edificio; colocación dun alxibe cun grupo de bombeo para o caso de incendio e diversas actuacións que redundarán na seguridade da comunidade educativa.
Con esta obra, a Consellería completa os traballos que xa se viñan realizando, e que alcanzarán finalmente un investimento de 4,5 millóns de euros. A Consellería de Educación está a desenvolver traballos de renovación deste CEIP, co fin de convertelo nun centro de referencia na área de Compostela, e que permitirá dar unha mellor oferta educativa nesta zona.
Con esta ampliación de gasto, a Consellería demostra o seu compromiso co benestar da comunidade escolar no desenvolvemento diario das súas actividades, a través de diversas obras de reforma, adaptación, mellora e nova construción de centros educativos en toda Galicia.