Máis de 1.200 alumnos de toda Galicia asistirán ao espectáculo do CDG Días sen gloria dentro da campaña escolar que Cultura e Educación desenvolve no Salón Teatro
Arredor de 150 estudantes de Ferrol, Valga e Viveiro abriron hoxe o programa de representacións concertadas con institutos, para o que a compañía institucional editou un exhaustivo caderno pedagóxico arredor desta obra de Vidal Bolaño
Unha vintena de centros educativos presenciarán en Santiago a versión dirixida por Fefa Noia, que durante a súa xira posterior tamén ofrecerá outras 11 funcións escolares noutras tantas localidades galegas
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abriu esta mañá no Salón Teatro de Santiago a campaña escolar de difusión teatral arredor do espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) Días sen gloria, versión da obra de Roberto Vidal Bolaño baixo a dirección de Fefa Noia á que asistirán máis de 1.200 alumnos dunha vintena de centros educativos de toda Galicia.
A compañía institucional, que o pasado venres 5 estreou esta produción coa que homenaxea ao autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, ofrecerá na súa sede compostelá un total de seis funcións matinais –os días 10, 11, 17, 18, 24 e 25 deste mes ás 11.00 horas–, ás que acudirán grupos de estudantes a partir de 14 anos de idade acompañados dos seus profesores. O obxectivo desta campaña é impulsar a difusión da figura de Vidal Bolaño entre os escolares galegos, así como afondar tanto nas claves do espectáculo que interpretan Manuel Manquiña, Eva Souto, Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta, como en distintos aspectos do feito escénico en xeral.
Uns 150 estudantes de Ferrol, Valga e Viveiro inauguraron hoxe esta iniciativa, na que tamén participarán institutos de A Baña, A Estrada, Allariz, Arzúa, Caldas de Reis, Lugo, Monterroso, Rois, Santiago de Compostela e Xinzo de Limia. Unha vez completada a estadía de Días sen gloria no Salón Teatro, o espectáculo iniciará unha xira ata finais de xuño á que se estenderá tamén esta campaña escolar, con outras 11 funcións específicas para estudantes noutras tantas localidades galegas: O Barco de Valdeorras (2 de maio), Ourense (6 de maio), Tui (9 de maio), A Estrada (13 de maio), A Coruña (16 de maio), Ribadeo (20 de maio), Narón (24 de maio), Pontevedra (29 de maio), Rianxo (3 de xuño), Vigo (10 de xuño) e Lugo (13 de xuño).
Caderno pedagóxico
Como ferramenta didáctica de apoio a esta campaña, a unidade de produción teatral da Consellería de Cultura e Educación editou un caderno pedagóxico elaborado por Montserrat Pena Presas, integrante de Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. Deste xeito, os profesores poderán traballar cos seus alumnos arredor desta obra de Vidal Bolaño e da súa versión escénica tanto antes como despois da súa asistencia ao espectáculo.
O material, que está dispoñible para a súa descarga na web www.centrodramatico.org , propón distintas actividades e exercicios a partir de dous grandes bloques temáticos: o de Roberto Vidal Bolaño na cerna do teatro galego e o de Días sen gloria no contexto da produción de Roberto Vidal Bolaño, con especial tratamento tanto ao texto dramático orixinal (argumento, significación, influencias) como ao texto do espectáculo.
Esta nova produción do Centro Dramático Galego permanecerá ata o vindeiro 28 de abril no Salón Teatro de Santiago, onde ofrecerá tamén tres función semanais para o público xeral: venres e sábado ás 20.30 e domingos ás 18.00.
Ligazón directa ao caderno pedagóxico:
http://www.centrodramatico.org/imxd/obras/doc/1364834784Dias_Sen_Gloria_...