Jorge Pardo, mellor artista de jazz europeo, participará no “Galician Connection” que organiza Cultura e Educación no Gaiás

Colaborador de Paco de Lucía e Camarón, Jorge Pardo é responsable dunha nova linguaxe mestiza entre o jazz de raíz e o flamenco

Os participantes en “Galician Connection” poderán concertar pequenas entrevistas con el e aproximarse aos seus sons a través de workshops

Jorge Pardo actuará o 20 de abril no Museo Centro Gaiás xunto a Wu Tong, Omar Sosa, William Harvey, Eliseo Parra, Rosa Cedrón, Víctor Prieto, Isaac Palacín e Cristina Pato

Dom, 07/04/2013 - 10:00
Jorge Pardo
Jorge Pardo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva ao Gaiás ao frautista e saxofonista Jorge Pardo, recoñecido como Mellor Artista de Jazz Europeo e responsable dunha nova linguaxe mestiza entre o jazz de raíz e o flamenco. Será do 18 ao 21 de abril no Galician Connection, un laboratorio musical lúdico e formativo a cargo de oito grandes artistas internacionais baixo a dirección artística de Cristina Pato.

A traxectoria de Jorge Pardo está marcada pola súa atracción polos instrumentos de vento, que o levou desde os pequenos locais de Madrid onde empezou a colaborar durante anos con Paco de Lucía ou a gravar xunto a Camarón.

Conta cunha intensa produción discográfica con colaboracións destacadas como a de Carles Benavet e Tino di Geraldo cos que conformou no traballo El Concierto de Sevilla, un trío onde a mestizaxe entre o latino, o flamento e o jazz toma unha dimensión propia no panorama musical. Dende 2004 forma parte da xira internacional de Chick Corea, a chamada Touchstone Tour.

Oito grandes xenios da música

Nesta segunda edición do Galician Connection, Jorge Pardo estará acompañado por outros sete grandes da música como son Wu Tong, considerado unha das figuras máis importantes da música tradicional chinesa; o compositor, director de orquestra e pianista de jazz cubano Omar Sosa; e o violinista e emprendedor norteamericano residente en Afganistán, William Harvey. O elenco de músicos complétano o percusionista e especialista en músicas tradicionais, Eliseo Parra; o acordeonista galego e residente en Estados Unidos Víctor Prieto; a cellista e cantante galega Rosa Cedrón; e o percusionista galego e membro de Berrogüetto, Isaac Palacín.

Programa de formación exclusivo

Todos eles serán os responsables dunprograma de formación exclusivo que  inclúe clases prácticas, asistencia a ensaios e encontros "cara a cara". Deste xeito, os inscritos terán a oportunidade de concertar pequenas entrevistas individualizadas con Jorge Pardo ou calquera dos outros dos sete artistas que participan, ao tempo que accederá a workshops ondeafondar no coñecemento de distintas realidades musicais do mundo e aproximarse a instrumentos singulares e aos ensaios preparatorios do gran concerto final.

A inscrición ao programa formativo de Galician Connection ten unha matrícula de 90 euros, reducida no caso de que sexan estudantes (70 euros). Para realizar a inscrición só hai que entrar en www.cidadedacultura.org e cubrir o formulario online dispoñible.

Concerto o 20 de abril

Ademais, Jorge Pardo xunto aos outros sete músicos e Cristina Pato realizarán un concerto único no Museo Centro Gaiás, no que interpretarán pezas de cada unha das tradicións culturais que representan e que irán artellando ao longo das tres xornadas de experimentación e colaboración.

O Concerto Galician Connection 2013 terá lugar o sábado 20 de abril a partir das 21:00 horas. As entradas xa están á venda no Punto On da Cidade da Cultura a un prezo de 15 euros e no portal www.servinova.com a 15€+gastos de xestión. Tamén será posible retirar a entrada o propio día do concerto na billeteira do Museo Centro Gaiás a un prezo de 18 euros.