Cultura e Educación e a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao colaborarán para impulsar o espírito emprendedor entre a cidadanía ourensá

A Consellería e a asociación asinaron un protocolo de colaboración para o desenvolvemento destas iniciativas, no marco do Plan de Emprendemento do Sistema Educativo de Galicia ‘Eduemprende’

As actividades inícianse co programa ‘Atrévete Ourense, dirixido ao alumnado de 6º de primaria

Ven, 05/04/2013 - 12:00
Cultura e Educación e a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao cola
Cultura e Educación e a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao colaborarán para impulsar o espírito emprendedor entre a cidadanía ourensá

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira representou hoxe á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na sinatura dun protocolo de colaboración coa Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, representada no seu presidente, José Elías Mera Martínez. O obxectivo do acordo é desenvolver diferentes iniciativas para o fomento do emprendemento entre a cidadanía ourensá. A primeira das actuacións deste protocolo, enmarcado no Plan de Emprendemento do Sistema Educativo de Galicia ‘Eduemprende’, será a posta en marcha do programa ‘Eduemprende – Atrévete Ourense’, para o impulso do espírito emprendedor entre o alumnado de 6º de primaria dos centros educativos da provincia.

Ao abeiro do programa ‘Atrévete Ourense’ realizaranse xornadas de fomento do emprendemento na sede da asociación no polígono de San Cibrao das Viñas, que se combinarán con visitas a empresas da zona industrial e relatorios de persoas que decidiron iniciar a sua propia andaina profesional neste eido. Desta forma facilítase o coñecemento por parte do alumnado do tecido produtivo da provincia. Así mesmo organizarase o concurso ‘Atrévete a ter unha idea’, no que se premiarán as tres mellores ideas do alumnado para a posta en marcha dun negocio.

A través desta iniciativa ‘Eduemprende – Atrévete Ourense’ a Consellería busca inculcar desde as etapas iniciais do ensino o espírito de esforzo e emprendemento entre as alumnas e alumnos, fomentando o seu interese pola posta en marcha de proxecto sque contribúan ao avance da nosa sociedade. Para iso difundirase o programa entre os centros educativos ourensáns animando á participación. Pola súa parte a asocaición de empresarios porá a disposición do programa as súas instalacións e persoal para a impartición das charlas e organización das visitas a empresas.

Calendario de actividades

As xornadas de fomento do emprendemento arrincan hoxe mesmo coa visita de 42 alumnas e alumnos do CEIP Filomena Dato, de Barbadás, á empresa de compoñentes de automoción IMPLASOR Galicia, S.L., e desenvolveranse todos os venres dos meses de abril e maio deste ano. Está previsto que nelas participen arredor de 400 escolares de 25 centros educativos da provincia.

As propostas para o concurso ‘Atrévete a ter unha idea’ deberán redactarse en 2 folios – como máximo- e enviarse ao enderezo electrónico lucia.barandela@poligonosancibrao.com ou ao enderezo postal Rúa Ricardo Martín Esperanza s/n, Edificio Multiúsos. 32901, Polígono Industrial san Cibrao das Viñas (Ourense). O prazo estará aberto ata o vindeiro 10 de xuño e as tres mellores ideas serán premiadas con cadanseu lector electrónico.