Xesús Vázquez Abad anuncia que un 65% dos titulados universitarios en Galicia entraron no mercado laboral nos seis meses posteriores a rematar os seus estudos
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria deu a coñecer o contido do ‘Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2008-2009’
O estudo afonda en distintos aspectos clave da inserción laboral dos egresados universitarios e evidencia que o título universitario representa un valor engadido, tanto na rapidez á hora de obter un traballo como na remuneración
As universidades deben empregar a información obtida para facer adaptacións dos seus planos de estudos que melloren a empregabilidade dos seus titulados
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, deu a coñecer hoxe que o 65% dos estudantes universitarios que remataron a carreira no curso 2008-2009 atoparon o seu primeiro traballo nos seguintes seis meses tras a súa graduación e que, nesta mesma promoción, preto do 60% estaba a traballar dous anos despois, a finais do ano 2011, momento no que se realizou a enquisa.
Dita conclusión extraese da publicación ‘Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2008-2009’, presentado hoxe na sede da Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego. Xunto ao conselleiro estiveron no acto de presentación o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a presidenta e o director da Axencia da Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG), Patrocinio Morrondo e José Eduardo López Pereira, respectivamente.
Durante a súa intervención, o conselleiro destacou que a ACSUG é “unha das mellores axencias de calidade do sistema universitario español”, membro da rede europea de axencias de calidade universitarias, e incluída na comisión CURSA, que desenvolve o protocolo de seguimento de títulos, de obrigado cumprimento no futuro para todas as universidades españolas.
No relativo ao estudo, Vázquez Abad sinalou que “este tipo de estudos se converte nun referente fundamental para o Sistema Universitario Galego(SUG) posto que o alumnado coñecerá cales son as titulacións que teñen maior empregabilidade.” Subliñando a importancia deste aspecto no futuro das universidades, “como tal xa se reflicte nun indicador que mide a inserción laboral no novo plan de financiamento.”
Asemade, o conselleiro explicou que “detectamos xa no estudo as fondas consecuencias da crise económica na incorporación das mozas e mozos titulados ao mercado de traballo”, aínda que “tamén é certo que a estatística demostra que a probabilidade de atopar un traballo é maior e máis rápida cando se posúe unha titulación superior”, dixo Vázquez.
A publicación está enmarcada dentro dos estudos de inserción laboral realizados periodicamente pola ACSUG, que permiten dar a coñecer –en termos xerais–a porcentaxe de titulados traballando, as vías para atopar traballo, e os factores máis valorados para a contratación, entre outros aspectos.
Os integrantes da mostra
A publicación ‘Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2008-09’ é un documento amplamente representativo e preciso pola calidade da mostra escolmada que atangue as ramas de Ciencias da saúde, Ciencias, Enxeñaría e Arquitectura, Ciencias sociais e xurídicas e Artes e Humanidades.
No estudo participaron case 5.000 persoas, o que representa un 56,1% do total dos titulados do SUG no curso 2008-09. Neste sentido, a profundidade e a extensión da mostra permite que a desagregación dos datos por centros e titulacións non afecte á súa fiabilidade. Ademais, o devandito estudo realízase dous anos despois para coñecer en profundidade as características do período de acceso dos titulados ao mercado laboral.
As conclusións obtidas permiten dicir que o 59,3% dos estudantes que remataron a súa formación universitaria no curso 2008-09 estaban traballando dous anos despois, no momento no que se realizou a enquisa. Ademais, a gran maioría dos enquisados que traballaban (un 94%) o facían en postos relacionados directamente coa súa titulación. Do mesmo modo, o estudo conclúe que o 20,33% dos titulados universitarios desa promoción estaban a realizar estudos complementarios e o 24,72% preparaban unha oposición.
A través desta publicación tamén se pode observar que o salario medio está entre os 1.000 e 1.500 euros para a maioría dos enquisados (38,67%), e que aqueles cuxa profesión é relativa a Ciencias da Saúde teñen os soldos máis altos, seguidos polos que están a traballar en Enxeñaría e Arquitectura.
Outras das conclusións que se pode extraer é que a vía máis propicia para obter o primeiro emprego é a través de contactos persoais, de familiares ou amizades (22,75%), seguido das candidaturas espontáneas a través do envío do curriculum vitae a unha empresa aínda que esta non fixera oferta algunha (15,58%). Estas dúas vías mantéñense como en anos anteriores como ás máis eficaces. Pola contra, por primeira vez, dende que se fan os estudos, perden peso os currículos enviados a través de internet (13,27%).
A historia do estudo
Con este estudo continúase co proxecto que comezou co seguimento realizado aos titulados dos cursos 1996-1997 e 2000-2001, nos que ACSUG foi pioneira en España. Unha iniciativa que se consolidou co estudo de inserción laboral 2005-2006. Na actualidade, esta publicación ten periodicidade anual.
O estudo anual de egresados é hoxe unha referencia en España e contén a serie temporal máis longa existente no eido universitario estatal. A serie permite estudar a evolución e as tendencias no mercado laboral dos universitarios galegos.
A finalidade destas publicacións é servir de apoio ás universidades galegas, aportando resultados que contribúan ao deseño de estratexias para a revisión e mellora da calidade da oferta universitaria, acompasando os obxectivos de aprendizaxe cos actuais requirimentos profesionais e de empregabilidade.