Cultura e Educación publica a licitación da primeira fase das obras da nova escola de Betanzos por máis de 3,3 millóns de euros

A Consellería ten previsto dedicar xa esta anualidade máis de 1 millón de euros para o inicio os traballos

Mar, 02/04/2013 - 11:41
Cultura e Educación publica a licitación da primeira fase das obras da nova esco
Cultura e Educación publica a licitación da primeira fase das obras da nova escola de Betanzos por máis de 3,3 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación, mediante procedemento aberto non suxeito a regulación harmonizada, da contratación da primeira fase da obra de construción da nova Escola de Educación Infantil (EEI) en Betanzos (A Coruña). A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina a esta licitación 3.373.323,64 euros, importe cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013. A Consellería ten previsto dedicar xa nesta anualidade 1.023.524 euros para iniciar as obras, coas que se dá resposta ás demandas da comunidade educativa do concello coruñés.

O proxecto escollido, de entre 28 propostas de gran calidade presentadas ao concurso público, contempla a construción dun centro de 15 unidades, coa previsión, no propio proxecto, dunha ampliación nunha segunda fase ata acadar as 18 aulas, en función da demanda real existente. Deste xeito retómase a idea do proxecto inicial, despois de que no ano 2008 se reducira a 15 unidades.

Esta obra é boa proba do compromiso da Xunta co ensino público galego, poñendo a disposición da cidadanía unha oferta educativa de calidade en centros públicos. Isto prodúcese, ademais, nun contexto de crise económica no que as licitacións case non se están a producir en outras Comunidades Autónomas.