Cultura e Educación convocará por primeira vez probas libres para obter o título de técnico e técnico superior de FP
O prazo de inscrición estará aberto os 10 últimos días hábiles do mes de abril
Quen supere as probas poderán obter a titulación unha vez realicen o módulo de formación en centros de traballo e, no caso dos ciclos de grao superior, o de proxecto
Os requisitos de acceso serán máis flexibles para as persoas que acrediten experiencia laboral, co obxectivo de favorecer a formación ao longo da vida
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocará este ano por primeira vez as probas libres para a obtención do título de técnico e técnico superior de Formación Profesional, de tal forma que as persoas que superen estes exames poidan obter a correspondente titulación unha vez realicen o módulo de formación en centros de traballo (FCT) e, no caso dos ciclos de grao superior, o de proxecto. Trátase dunha nova aposta do departamento educativo da Xunta de Galicia pola FP como unhas ensinanzas que facilitan o acceso das persoas ao mercado laboral e mais a proxección profesional das persoas xa traballadoras.
Neste sentido cómpre sinalar que a convocatoria será máis flexible para as persoas adultas que acrediten unha experiencia laboral equivalente a 2 anos de traballo a tempo completo nunha actividade directamente relacionada co sector profesional do ciclo no que se desexen titular. Estes cidadáns poderán inscribirse nas probas se houbera vacantes ao remate do proceso de admisión aínda que non cumpran os requisitos esixidos – ter 18 anos para o título de técnico, 20 para o de técnico superior- aos aspirantes.
O prazo de inscrición estará aberto os 10 últimos días hábiles do mes de abril, e os exames realizaranse no mes de xuño. O obxectivo é que, de non superaren todos os módulos, os candidatos poidan matricularse no curso 2013/2014 nas materias restantes para obter a titulación. Así mesmo, deberán matricularse nos módulos de FCT e mais de proxecto – no caso dos ciclos formativos de grao superior- para poder obter o título. Estes dous últimos módulos só poderán cursarse logo de alcanzada a avaliación positiva no resto das materias.
Módulos e exame
Só se convocarán prazas de exame nos módulos de ciclos LOE cuxa oferta completa estean a impartir no curso actual os centros educativos públicos galegos. As persoas que xa superaran algún dos módulos da titulación poderán solicitar a validación dos mesmos.
As probas axustaranse aos currículos dos ciclos formativos e organizaranse en dúas partes para cada módulo, unha teórica e outra práctica. A primeira delas, que será eliminatoria, consistirá nunha proba escrita, na que deberán obter unha puntuación igual ou superior ao 5. A segunda, tamén eliminatoria, consistirá no desenvolvemento de un ou varios supostos prácticos sobre cada un dos módulos dos que se examinen os aspirantes.
A convocatoria das probas publicarase no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros días. As persoas interesadas poderán solicitar información e orientación nos centros educativos que imparten FP.