Co novo sistema de prezos públicos, preto do 70% dos usuarios dos comedores escolares da Conselleria terá o servizo gratuíto e so uns poucos deles pagarán 1 euro por menú
En dúas lexislaturas a Consellería incrementará en máis de 18.000 o número de prazas nos comedores que xestiona, das que 11.000 serán gratuítas e por outras 2.000 só haberá que pagar un euro por menú
O novo sistema beneficia coa gratuidade a moitas máis familias que as axudas dos concellos e o servizo prestado polas ANPAS
O novo sistema de prezos públicos para os comedores xestionados pola Consellería Cultura, Educación e Ordenación Universitaria permitirá que o 70% dos usuarios teñan o servizo gratuíto ou pagando 1 euro por menú. Así o explicou hoxe o conselleiro, Xesús Vázquez Abad, no Parlamento de Galicia, onde destacou o valor deste novo sistema pra introducir a progresividade no copago introducido para os comedores polo Bipartito.
Ata este momento, tal e como sinalou, as familias con máis recurso podían gozar da gratuidade se os seus fillos utilizaban o transporte escolar; mentres que unha familias con menos recursos podía verse obrigada a pagar polo menos 1,6 euros por menú se os seus fillos non eran transportados. Polo tanto, desvincular o uso do comedor do transporte e establecer o acceso como comensal en función de criterios de renda é implantar un modelo máis xusto e solidario, no que os recursos públicos se destinarán a atender ás familias máis necesitadas.
Neste sentido cómpre salientar que, disociando transporte e gratuidade, o novo modelo non incumpre ningunha norma. De feito a Lei Orgánica de Educación só establece a gratuidade de transporte e comedor no caso dos nenos escolarizados nun municipio distinto do de residencia.
Esforzo orzamentario
O conselleiro salientou o importante esforzo económico realizado pola Xunta de Galicia para, en dúas lexislaturas, incrementar en máis de 18.000 o número de prazas gratuítas nos comedores escolares que xestiona, das que 11.000 serán gratuítas e en outras 2.000 só habera que pagar un euro por menú. Desta forma recordou que desde 2007 o orzamento destinado a este servizo se incrementou desde os 14 aos 27,8 millónsde euros. Neste sentido valorou positivamente o esforzo de concellos e ANPAS na prestación deste servizo, pero fixo fincapé en que coa nova medida, “a Xunta fai un esforzo que permite que moitas máis familias de rendas baixas poidan usar o comedor de xeito gratuíto”.
Así mesmo, Vázquez Abad recordou que as ANPAS van ser as grandes beneficiadas pola ampliación da rede de comedores escolares xestionados pola Consellería., xa que a Administración educativa galega vai asumir de aquí ao curso 2016/2017 un total de 6.800 prazas en comedores agora xestionados polas nais e pais, dando resposta ás peticións destas asociacións, que solicitaban verse liberados da carga que supón ofrecer este servizo complementario.
O conselleiro lembrou o compromiso de que as familias que conten cunha renda per cápita anual de 7.000 euros ou inferior gozarán da gratuidade total, e instou a abandonar posicións demagóxica. “novo sistema de prezos públicos nos comedores dará solución a un copago instaurado polo Bipartito que, como digo, non era xusto para as familias que menos ingresos teñen”, dixo. “Trátase – sinalou- dun importantísimo esforzo que require a colaboración do conxunto de usuarios, na medida das posibilidades de cada un”.