Vinte equipos compiten ata o domingo no Gaiás por alzarse co título do ‘Torneo Nacional de Debate’, organizado por Cultura e Educación

O director da AGADIC, en nome da Consellería de Cultura e Educación, abriu o torneo, ao que definiu como “o mellor escaparate da potencialidade e formación da comunidade universitaria”

obxectivo deste evento é fomentar as capacidades de oratoria dos alumnos participantes

O acceso é libre tanto para as fases preliminares como para o gran debate final, que terá lugar o domingo ás 12:30 horas

Ven, 29/03/2013 - 09:51
 Vinte equipos compiten ata o domingo no Gaiás por alzarse co título do ‘Torneo
Vinte equipos compiten ata o domingo no Gaiás por alzarse co título do ‘Torneo Nacional de Debate’, organizado por Cultura e Educación

Vinte equipos formados por alumnos universitarios de toda España compiten desde hoxe e ata o domingo no Gaiás para alzarse co título de vencedores na arte da oratoria e da retórica no marco do Torneo Nacional de Debate organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Jacobo Sutil, director da Agadic, en nome da Consellería de Cultura e Educación, foi o encargado de inaugurar este primeiro Torneo Nacional de Debate que acolle a Biblioteca e Arquivo de Gaiás ata o próximo domingo. Tras agradecerlles a participantes e xuíces a súa participación nun evento destinado a fomentar a capacidade dialéctica dos alumnos, Jacobo Sutil instounos para aproveitar os tres días de convivencia, combinando a parte competitiva coa formativa.

“Estou totalmente convencido de que este Torneo Nacional de Debate contribuirá non só a poñer en valor a arte da palabra, senón a demostrar a potencialidade e a gran formación da nosa comunidade universitaria”, manifestou Sutil na inauguración do torneo. No acto, o director da Agadic estivo acompañado por un dos responsables do evento, o profesor de oratoria profesional e xurídica, Santiago Martínez, que convidou a toda a cidadanía a chegarse ao Gaiás para gozar da arte da retórica e da oratoria.

Competición e formación

Ademais da parte competitiva, o obxectivo principal deste evento é fomentar a arte da palabra entre os estudantes, polo que ademais do aspecto competitivo, o sábado terá lugar unha clase maxistral dirixida a todos os participantes na que se abordará como falar en público, preparar un debate, manexar os tempos e a comunicación non verbal.

A celebración do Torneo Nacional de Debate en Santiago de Compostela permite reunir durante catro días na cidade a un cento de estudantes e profesionais de todos os puntos de España, o que supón unha oportunidade única para dar a coñecer e proxectar non só a capital galega, senón o propio complexo da Cidade da Cultura. O acceso dos espectadores a cada un dos debates será libre e de balde, incluído o debate final, co fin de achegar esta actividade ao público xeral.

Todos os debates deste torneo serán analizados por un conxunto de xuíces de recoñecido prestixio e ampla experiencia na área da dialéctica composto por profesionais da comunicación, o dereito, a política, profesores universitarios e ex participantes en torneos de debate. Este amplo xurado decidirá que equipo domina mellor a arte da oratoria e da retórica e que reúne máis talento para a investigación, documentación e traballo en equipo.

A gran final: o domingo ás 12:30 horas

Durante a xornada do venres 29 e o sábado 30, os equipos enfrontaranse nas fases preliminares ao redor dun tema elixido pola organización e non coñecerán a postura a defender ata minutos antes da súa intervención. A gran final terá lugar o domingo 31 de marzo ás 12,30 horas no auditorio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, unha última batalla de onde sairá o gran gañador, que recibirá un premio en metálico de 1.200 euros. Ademais, sortearase entre todos os equipos presentes unha estancia de tres días con pensión completa no parque natural do Xurés por cortesía de Turismo de Galicia. No acto de entrega de premios estará presente, en nome da Consellería, María Pereira, directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura.

Ademais da Consellería de Cultura e Educación e dos patróns da Fundación Gaiás, o Torneo Nacional de Debate conta coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, a Cátedra Dr. Jaime Vera de Emprendemento Social da USC, a Cátedra Bancaja de Jóvenes Emprendedores e Turismo de Galicia.