Cultura e Educación abre o prazo para que os centros educativos galegos soliciten incorporarase o vindeiro curso á rede de centros plurilingües e de seccións bilingües

O Diario Oficial de Galicia publicou xa a convocatoria para que colexios e institutos se sumen a estas iniciativas do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras

A Consellería ten previsto apoiar estas iniciativas con máis auxiliares de conversa que no presente curso

Ademais abriuse a convocatoria para que os centros que imparten educación secundaria, bacharelato e FP soliciten impartir cursos para a formación complementaria do alumnado en linguas estranxeiras (CUALE)

Sáb, 23/03/2013 - 11:10
Cultura e Educación abre o prazo para que os centros educativos galegos solicite
Cultura e Educación abre o prazo para que os centros educativos galegos soliciten incorporarase o vindeiro curso á rede de centros plurilingües e de seccións bilingües

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continuará o vindeiro curso 2013/2014 impulsando que o alumnado galego acade boas competencias en idiomas a través do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, posto en marcha por este departamento a lexislatura pasada. Para dar continuidade a esta estratexia, a Consellería vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria para que os colexios e institutos soliciten incorporarse á Rede de Centros Plurilingües ou contar con seccións bilingües. A Consellería ten previsto apoiar estas iniciativas con máis auxiliares de conversa que no presente curso. Así mesmo ábrese o prazo para que os CPI, IES e CIFP soliciten impartir cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (CUALE). As convocatorias poden consultarse no DOG do venres 22 de marzo.

O prazo de solicitude para incorporarse á Rede de Centros Plurilingües estará aberto ata o vindeiro 30 de abril. Na súa solicitude os centros deberán incluír, entre outra documentación, o proxecto de desenvolvemento do programa plurilingüe e a planificación para os seguintes anos académicos; así como a relación do profesorado docente das materias que se vaian impartir noutros idiomas xunto coa titulación que acredite a súa competencia lingüística.

No caso dos centros que queiran contar con novas seccións bilingües o próximo curso, poderán presentar a súa solicitude ata o 31 de maio, incorporando á mesma o proxecto de participación no plan – obxectivos, etapas, materia e cursos nos que se desenvolverá... – e a acreditación da competencia lingüística do profesorado implicado.

Respecto dos cursos CUALE, poderán solicitar impartilos os CPI, IES e CIFP ata o 10 de xuño. O alumnado que supere as probas despois de realizar esta formación poderá obter, dependendo da modalidade, o certificado do nivel básico de competencia ou o certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación das escolas oficiais de idiomas.

Plan de potenciación

O Plan de potenciación das linguas estranxeiras beneficia este curso 2012/2013 en toda Galicia a máis de 55.000 estudantes, a través de 2.373 seccións bilingües e 148 centros plurilingües.

Ademais, 1.373 estudantes participan este ano nos cursos CUALE, un programa que na lexislatura pasada beneficiou a preto de 3.000 alumnos.