Cultura e Educación recoñece o traballo de 40 estudantes no curso 2011/2012 cos premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico e os galardóns ao esforzo

O conselleiro Xesús Vázquez Abad entregou ademais hoxe os galardóns da XIII edición do Concurso Hispanoamericano de Ortografía

Ven, 22/03/2013 - 17:14
Cultura e Educación recoñece o traballo de 40 estudantes no curso 2011/2012 cos
Cultura e Educación recoñece o traballo de 40 estudantes no curso 2011/2012 cos premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico e os galardóns ao esforzo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, entregou hoxe os premios que recoñecen o rendemento académico excepcional de 20 estudantes da ESO e ao esforzo e superación persoal de outros 20, nun acto onde tamén recolleron os seus galardóns os gañadores galegos da XIII edición do Concurso Hispanoamericano de Ortografía.

O conselleiro salientou o esforzo, o compromiso e o traballo como “as vías que nos farán avanzar”. Así, felicitou ao alumnado galardoado pola súa “constancia, dedicación e interese por aprender” e sinalou a necesidade de que a sociedade ensine aos máis novos que nada chega de balde. Neste sentido, destacou o papel fundamental das familias como transmisoras destes valores, e recoñeceu o labor dos docentes, “profesionais que dedican a súa vida a motivar ao alumnado e lograr deles o esforzo preciso que os leve ao éxito académico, pero tamén a sacar o mellor de si mesmos, converténdose en mellores persoas”. “O filósofo inglés John Stuart Mill- recordou- dixo que un discípulo ao que non se lle pide nada que non poida facer, nunca fará todo o que pode”.

Os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico e os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal entregados hoxe recoñecen o labor do alumnado que estudou durante o curso 2011-2012 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Con esta valoración pública dos comportamentos excepcionais do alumnado, o departamento educativo da Xunta de Galicia avanza cara o obxectivo de acadar unha escola inclusiva e con igualdade efectiva de oportunidades, no marco dun ensino comprensivo e integrador.

Superación e rendemento

Coa convocatoria de premios ao esforzo e á superación persoal búscase recoñecer e valorar publicamente os comportamentos excepcionais do alumnado dos niveis da educación básica, co fin de seguir avanzando na consecución dunha igualdade de oportunidades efectiva, e de procurar un ensino comprensivo e integrado. Así, os gañadores son alumnas e alumnos que merecen un especial recoñecemento pola dedicación e esforzo demostrado ao longo da etapa en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar e sociocultural. Nesta modalidade resultaron premiados 9 alumnos da provincia da Coruña, 5 da provincia de Lugo, 2 da de Ourense e 4 alumnos da provincia de Pontevedra.

No tocante aos premios ao rendemento académico, os candidatos debían contar cunha media nas cualificacións dos catro cursos da ESO igual ou superior a 9 puntos, ademais de superar unha proba específica para acadar o premio. Neste proba, estruturada en dúas partes, valoráronse os obxectivos e as competencias básicas acadadas polo alumnado, a través de cuestións referidas ás materias de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira, ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas; e unha a escoller de entre física e química, música, bioloxía e xeoloxía, educación plástica e visual, tecnoloxía ou latín.

Nesta modalidade resultaron premiados 5 estudantes da provincia da Coruña, do colexio plurilingüe La Salle e colexio Manuel Peleteiro - ambos de Santiago de Compostela- e colexio plurilingüe Compañía de María (A Coruña); 4 estudantes da provincia de Lugo, dos IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), IES Santiago Basanta Silva (Vilalba) e IES Pedregal de Irimia (Meira);  2 estudantes da provincia de Ourense, dos IES As Lagoas (Ourense) e CPI Terras de Maside (Maside); e 9 alumnos da provincia de Pontevedra, dos IES Frei Martín Sarmiento, IES Sánchez Cantón, IES Gonzalo Torrente Ballester - os tres da cidade de Pontevedra- do IES Carlos Casares (Vigo), IES María Soliño (Cangas), colexio Los Sauces (Mos), IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), e colexio plurilingüe Las Acacias (Vigo).

Con estes galardóns a Consellería procura salientar o esforzo e a dedicación que demostrou o alumnado ao ser capaz  de superar as dificultades, ben de tipo persoal, educativas ou de contorno familiar e sociocultural para acadar o título de graduado en educación secundaria.

Concurso Hispanoamericano de Ortografía

No transcurso do acto entregáronse, ademais, os galardóns da fase autonómica do XIII Concurso Hispanoamericano de Ortografía 2012, que consistiu na realización de exercicios con nivel progresivo de dificultade de carácter eliminatorio sobre o uso da normativa ortográfica vixente. Na proba, que se realizou o pasado mes de outubro no IES de Sar (Santiago de Compostela), obtivo o primeiro premio Fernando Castro Prado, do IES Rosalía de Castro de Santiago; mentres que o segundo acadouno Felipe Manuel González Fernández, do colexio Plurilingüe Mariano de Vigo (Pontevedra).