Cultura e Educación informa das incidencias por neve rexistradas nos centros educativos galegos

Un total de 4853 alumnos dun total de 80 centros víronse afectados pola vaga de frío e neve durante o día de hoxe

Mér, 13/03/2013 - 17:28

Dando por rematado o proceso de recollida da información sobre as incidencias detectadas a causa da conxuntura meteorolóxica adversa, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria informa dos datos definitivos correspondentes á xornada lectiva de hoxe: un total de 4853 alumnos e alumnas de 80 centros educativos nas catro provincias galegas víronse afectados polas nevadas sufridas nas últimas horas.

En concreto, na provincia de Lugo, 59 centros educativos tiveron algún tipo de incidencia, alcanzando a un total de 3.726 escolares. En Coruña, rexistráronse incidencias en 11 centros educativos, afectando a 957 alumnos. Na provincia de Ourense, 7 centros e un total de 94 alumnos resultaron afectados. E, finalmente, en Pontevedra, houbo 3 centros con incidencias no transporte e un total de 76 escolares non tiveron clase.

A AEMET e Meteogalicia teñen avisado dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel amarelo, que se estende atéas 00:00 h. do día 14, por nevadas. A alerta afectara ás zonas de predición meteorolóxica da Mariña e do Centro de Lugo, con acumulación de neve de ata 2 cm; á Montaña de Lugo e de Ourense, con espesores por riba dos 5 cm.; e aoInterior de Pontevedra, onde estiman precipitacións de neve por riba dos 2 cm.

Nestes concellos tívose aconsellado un especial coidado no caso da realización de actividades no exterior das instalacións do centro, así como extremar a precaución na circulación do transporte. Continuarase a facer un seguimento puntual das condicións climáticas e informándose a través do web da alerta meteorolóxica.