Cultura e Educación e o Gaiás celebran o Día Mundial da Poesía co espectáculo “Despois de ti, a chuvia” de Caneiro e Emilio Rúa

O concerto-recital ofrece a poesía elegante e sinxela de Xosé Carlos Caneiro á que Emilio Rúa, acompañado de José Gayoso, lle pon música

“Despois de ti, a chuvia” terá lugar o vindeiro 21 de marzo ás 19 horas no Centro de Innovación Cultural do Gaiás e a entrada é libre ata completar aforo

Mar, 12/03/2013 - 11:24
Cultura e Educación e o Gaiás celebran o Día Mundial da Poesía co espectáculo “D
Cultura e Educación e o Gaiás celebran o Día Mundial da Poesía co espectáculo “Despois de ti, a chuvia” de Caneiro e Emilio Rúa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Cidade da Cultura celebrarán o vindeiro 21 de marzo o Día Mundial da Poesía co espectáculo Despois de ti, a chuvia, un exercicio escénico que ganduxa a arte de dous mestres das letras e da música: Xosé Carlos Caneiro e Emilio Rúa.

Despois de ti, a chuvia é un proxecto conxunto de Xosé Carlos Caneiro –poeta, escritor e xornalista– e o músico Emilio Rúa. Poesía sinxela e elegante, coa particular visión do mundo e das cousas cotiáns de Caneiro, á que Rúa lle pon música de xeito doce e coidado. Na Cidade da Cultura, ambos os dous estarán acompañados polo músico José Gayoso.

O Centro de Innovación Cultural do Gaiás será o escenario que acolla este concerto-recital no que se sucederá unha mestura de sensacións e emocións que, segundo a segundo, e nota a nota acadan conmover ao espectador. O espectáculo dará comezo ás 19 horas e a entrada será libre e de balde ata completar o aforo.

Un proxecto trasladado ao directo

“Despois de ti, a chuvia” concibiuse orixinalmente como un proxecto editado en disco-libro por Francisco Castro (Editoral Galaxia) co apoio da CRTVG. O proxecto cobra agora vida, saltando do DVD ao directo, cunha xira de actuacións por diferentes teatros e salas de Galicia. Unha xira que contará cunha parada especial no Gaiás e que servirá para celebrar con todos os galegos e galegas o Día Mundial da Poesía.