“O labor dos docentes é clave para que o Día das Letras Galegas siga a ter hoxe significado e validez”, di Anxo Lorenzo

O secretario xeral de Política Lingüística fixo entrega dos premios aos centros gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2010

Mér, 12/05/2010 - 14:10
Alumnado de primaria recita poemas de Novoneyra
Alumnado de primaria recita poemas de Novoneyra

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, fixo hoxe entrega dos premios aos centros educativos gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2010. O acto tivo lugar no CEIP Santo Estevo de Parga, en Guitiriz, que foi o centro gañador na categoría de educación infantil e primaria. Mentres, o traballo do CPI Virxe dos Remedios, de Castro Caldelas, resultou galardoado na categoría de educación secundaria.

Durante o acto, Anxo Lorenzo fíxolles entrega de cadanseu diploma aos centros educativos, así como das correspondentes acreditacións económicas por unha contía de 4.000 euros. A continuación, un grupo de alumnos e alumnas de terceiro ciclo de primaria recitaron diversos poemas da obra Os Eidos, cun acompañamento musical a cargo tamén de estudantes do centro.

Anxo Lorenzo estivo acompañado na entrega dos premios pola alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, e polos directores do CEIP Santo Estevo e do CPI Virxe dos Remedios, Manuel Perfecto Vizcaíno e Marcial Jesús Lorenzo, respectivamente.

A contribución dos centros educativos ao Día das Letras Galegas

Durante a clausura do acto, o secretario xeral incidiu no importante labor desenvolvido a prol da dinamización da lingua galega desde os centros educativos, "uns espazos sociais que contribuíron, como ningún outro, a que a efeméride anual do Día das Letras Galegas siga a ter significado e validez no momento actual”. Neste sentido, o secretario xeral agradeceu o labor dos docentes “por facer que a conmemoración do Día das Letras Galegas constitúa hoxe –como desde hai case medio século– un facho cuxa luz os galegos e as galegas acendemos anualmente para mostrar unha peculiar forma de noso de entender e de estar no mundo”.

Por outra banda, o responsable de Política Lingüística recordou que o galego é lingua literaria desde hai case 900 anos e que, das arredor de 7.000 linguas que actualmente existen no mundo, “só unha ínfima parte posúe unha tradición literaria equiparable, por fertilidade e valor, á galega”.

As exposicións gañadoras

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca, con motivo do Día das Letras Galegas, este concurso-exposición, unha iniciativa dirixida a todos os centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Educación que ten como obxectivos prioritarios potenciar o estudo da obra e da época do escritor homenaxeado, propiciar a reflexión sociolingüística sobre a esta etapa histórica e fomentar a valoración das contribucións individuais e colectivas á dinamización da lingua galega.  

O traballo Courel, do CEIP Santo Estevo de Parga, foi o seleccionado na categoría de educación infantil e primaria, mentres que o proxecto mellor valorado en educación secundaria foi Uxío Courel, Courel Uxío, presentado polo CPI Virxe dos Remedios. Ambas as exposicións, que están conformadas por un total de quince carteis, teñen como eixe temático a obra, a época e a lingua de Uxío Novoneyra, observada desde unha perspectiva pluridisciplinar. Ademais, contan cunha guía explicativa, que fomenta o achegamento do alumnado ao escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

Os dous traballos premiados foron imprimidos e distribuídos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en máis de 2.000 puntos de Galicia e do exterior, como centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais e casas da cultura, entre outros.

Conmemoración do Día das Letras Galegas

A través deste concurso-exposición, Política Lingüística quere sumarse ás celebracións do Día das Letras Galegas 2010. Ademais, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo publicou o pasado mes de marzo, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, a obra Celebración de Uxío Novoneyra (1930-1999), un volume que representa un importante paso na bibliografía crítico-textual do escritor.

A importancia desta obra deriva do feito de publicar case medio cento de prosas inéditas do poeta, de facer un esforzo compilatorio de fontes xornalísticas dos seus poemas e, ademais, de dar a coñecer –así mesmo por vez primeira– o expediente académico de Novoneyra (co orixinal do seu exame de ingreso no Instituto de Lugo) e unha ben ilustrativa crono-bio-bibliografía baseada en múltiples fontes, rica e precisa en datos.

Menús News node R