Cultura e Educación mantén o seu compromiso coa formación en linguas estranxeiras dos estudantes universitarios a través da convocatoria de 113 axudas para estadías no estranxeiro

Malia á crise mantense o orzamento destinado a estas axudas, co fin de que o alumnado mellore as súas competencias en outros idiomas

Trátase dunah nova aposta da Consellería a prol da mobilidade académica e laboral dos universitarios galegos

Cómpre lembrar que a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior esixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a capacidade de estudo e traballo

Mér, 06/03/2013 - 11:59
Cultura e Educación mantén o seu compromiso coa formación en linguas estranxeira
Cultura e Educación mantén o seu compromiso coa formación en linguas estranxeiras dos estudantes universitarios a través da convocatoria de 113 axudas para estadías no estranxeiro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria  convoca 113 axudas para que os universitarios que estean a estudar na nosa Comunidade Autónoma realicen estadías nalgún Estado membro da Unión Europea durante o verán de 2013, co obxecto de coñecer a lingua oficial dese país. Trátase dunha nova aposta do departamento educativo da Xunta de Galicia a prol da mobilidade académica e laboral dos universitarios galegos, mantendo en 124.300 euros o orzamento destinado a estas axudas malia á crise económica, despois de que este mesmo departamento incrementase a partida na convocatoria do 2012 nun 19,5%, ata acadar o orzamento actual.

O obxectivo destas axudas é que os estudantes de calquera das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) ou dos centros asociados da UNED en Galicia poidan mellorar as súas competencias en outros idiomas, para o que cada un dos estudantes que resulten beneficiarios percibirá unha axuda de 1.100 euros. Neste sentido cómpre lembrar que a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) esixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a capacidade de estudo e traballo. O curso de idiomas, deberá desenvolverse no período comprendido entre o 1 de xuño e os 30 de setembro de 2013.

Requerimentos

Poderán solicitar estas os universitarios que estean matriculados no curso 2012/2013, como mínimo en 50 créditos, incluído neles o proxecto fin de carreira, en calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia, ou nos centros asociados da UNED en Galicia en estudos conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico. A convocatoria pode consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe, no enlace web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20130306/AnuncioG0164-260213-0001_gl.pdf .

Ademais, os aspirantes deberán ter  superado no momento de presentación da solicitude 60 créditos en titulacións de 1º ciclo ou 120 créditos en titulacións de grao e de 1º e 2º ciclo; e teren unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 7 puntos, para alumnos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e a 6 puntos, para alumnos da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

O alumnado que desexe acollerse a esta convocatoria deberán formalizar a súa solicitude, segundo o modelo ED 416A e a declaración de conxunto (anexo II), que estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo http://sede.xunta.es, que permite cumprimentar e editar a solicitude. A solicitude pode realizarse ben por vía electrónica, en cumprimento do compromiso de achegamento da administración electrónica á cidadanía; ou ben en soporte papel.

Convocatorias anteriores

O verán pasado foron beneficiarios destas axudas un total de 91 estudantes do SUG e dos centros asociados da UNED en Galicia, dos que 40 correspondía á Universidade de Santiago de Compostela, 38 á de Vigo e 13 á da Coruña .

Os países de destino polo que maioritariamente optaron para ir a cursar un curso de idiomas foron Reino Unido (32), Irlanda (24), Alemaña (9), Malta (7), Francia (7), Portugal (4), Italia (4), Rumanía (2), Bélxica (1) e Austria (1).

Desde o seu inicio no curso académico 1990-1991 ata o ano 2012, 2.071 universitarios do SUG beneficiáronse da “bolsa de 2ª lingua”.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza