Cultura e Educación presta un curso máis o seu apoio aos universitarios con dificultades económicas para continuar estudos cunha nova convocatoria de axudas aos afectados por causas imprevistas

O obxectivo destas bolsas é que o alumnado que se vira afectado por circunstancias sobrevidas, como a morte do principal sustentador económico da familia, non se vexa obrigado a deixar a universidade

Mér, 06/03/2013 - 10:09
Cultura e Educación presta un curso máis o seu apoio aos universitarios con difi
Cultura e Educación presta un curso máis o seu apoio aos universitarios con dificultades económicas para continuar estudos cunha nova convocatoria de axudas aos afectados por causas imprevistas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presta, un curso máis, os eu apoio aos estudantes universitarios que, de forma imprevista, se ven afectados por circunstancias especiais que lles causan dificultades económicas para continuar os seus estudos. Para iso o departamento educativo da Xunta de Galicia vén de publicar unha nova convocatoria de axudas destinadas  ao alumnado que cursa estudos universitarios no curso académico 2012-2013 nas universidades do Sistema Universitario de Galicia, e que por causas sobrevidas teña dificultades económicas para continuar a súa formación; no marco do compromiso social  que a Consellería mantén a prol da igualdade de oportunidades no acceso aos estudos superiores.

Os destinatarios desta convocatoria son as alumnas e alumnos que cursen estudos universitarios conducentes ao título de  grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico e arquitecto técnico, no curso académico 2012- 2013, nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e que necesiten recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida ou imprevista. Como tales enténdese a orfandade absoluta, o falecemento do pai, nai ou titor legal, o desemprego do sustentador principal, a enfermidade grave, a violencia de xénero cara o estudantes ou os seus proxenitores, as vítimas de actos terroristas, a separación ou divorcio, a ruína ou quebra familiar e outras circunstancias non recollidas que repercutan na situación socioeconómica familiar, e que deberán ser debidamente xustificadas.

Requerimentos

Para poder acceder a estas axudas a situación sobrevida ou imprevista debeu producirse durante  o actual curso académico 2012-2013, mentres os estudantes solicitantes están matriculados como mínimo en 50 créditos nos devanditos estudos en calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia. Ademais a renda per cápita da unidade familiar non poderá se superior ao importe anual da pensión non contributiva individual para o ano 2013, é dicir 5.108,60 euros.

A convocatoria pode consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe, no enlace web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20130306/AnuncioG0164-260213-0002_gl.pdf . O formulario da solicitude, correspondente co modelo normalizado ED433A (anexo I), así como a declaración responsable necesaria (anexo II), estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, co fin de facilitar o procedemento.

As contías que se concedan a cada alumna ou alumno oscilarán entre os 1.250 euros e os 2.500 euros. A presentación de solicitudes poderá realizarse desde mañá ata o 1 de setembro de 2013. Con carácter xeral a axuda terá que solicitarse no prazo dun mes contado desde a data en que acontecese a causa sobrevida ou imprevista. Se o imprevisto se producise con anterioridade á publicación da convcatoria, o prazo de presentación será de un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta no Diario Oficial de Galicia.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza