Cultura e Educación leva este domingo ao Gaiás a maxia do flamenco a través dun espectáculo para toda a familia

O CINC da Cidade da Cultura acollerá o concerto ‘Flamenco Kids’, un espectáculo didáctico onde os sons ancestrais serán o vehículo para contar divertidas historias da man dos habitantes de ‘Quillolandia’

Haberá dúas actuacións, unha ás 12 e outra ás 17 horas. As entradas xa están á venda no enderezo www.servinova.com

Mar, 05/03/2013 - 13:46
 Cultura e Educación leva este domingo ao Gaiás a maxia do flamenco a través dun
Cultura e Educación leva este domingo ao Gaiás a maxia do flamenco a través dun espectáculo para toda a familia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva este domingo ao Gaiás a maxia do flamenco a través dun espectáculo de música e humor para toda a familia: Flamenco Kids.

O ciclo Brinca Gaiás -co que a Cidade da Cultura pretende achegarlle aos máis pequenos da casa a paixón pola música, a ópera, o teatro ou a danza a través do xogo e a diversión- aposta este domingo pola música flamenca.

Nesta xornada, pequenos e maiores poderán disfrutar dun concerto didáctico e ameno onde os sons ancestrais converteranse no vehículo estético e rítmico para contar unhas historias protagonizadas por un grupo de amigos que habitan no mundo máxico de ‘Quillolandia’.

Aventuras, música e aprendizaxe son os alicerces básicos de Flamenco Kids, un completo espectáculo que se apoia nas bondades do mar Atlántico para, cuns personaxes creativos e unha música de raíces ancestrais, lograr obxectivos educativos a través do xogo.

Entradas á venda

O Centro de Innovación Cultural (CINC) será o escenario deste espectáculo pensado para nenos a partir de 3 anos. Flamenco Kids celébrase este domingo 10 de marzo en dúas quendas: 12 e 17 horas e as entradas xa están á venda en www.servinova.com a un prezo de 5 euros máis gastos de xestión ou a 5 euros no Espazo On da Cidade da Cultura. A entrada o mesmo día do concerto poderá adquirirse a 6 euros na billeteira do CINC.