A Consellería de Cultura e Educación convoca cursos preparatorios en liña das probas do Celga 1
A Secretaría Xeral de Política Lingüística abriu o prazo de matrícula, que poderá solicitarse ata o vindeiro 14 de marzo
Os cursos en liña titorizados son gratuítos e desenvolveranse do 1 de abril ao 7 de xuño
As probas de acreditación do Celga 1 realizaranse en Santiago de Compostela, Ponferrada, Madrid e Barcelona o 9 de xuño
A inscrición oficial neste exame pódese solicitar ata o 3 de abril
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocou, mediante publicación no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.xunta.es/linguagalega), unha nova edición dos cursos en liña preparatorios para as probas de certificación de lingua galega no nivel Celga 1. Trátase dunha acción formativa dirixida, nomeadamente, a persoas estranxeiras, non galegofalantes ou que non conten con formación en lingua galega e que estean interesadas en achegarse ao idioma para melloraren a súa competencia lingüística básica en galego, de cara a obteren a acreditación de coñecemento do Celga 1 nas probas oficiais organizadas pola Xunta de Galicia.
Esta oferta de formación de lingua galega en liña destinada á cidadanía adulta complementa a presencial, que inclúe un total de 121 cursos preparatorios nos que poderá participar, voluntariamente, quen queira presentarse ás probas de acreditación do coñecemento de lingua galega nos exames oficiais dos catro niveis Celga, que terán lugar en Galicia, Ponferrada, Madrid e Barcelona. Estes desenvolveranse durante as dúas primeiras fins de semana de xuño, de acordo coa orde de convocatoria das devanditas probas para o ano 2013 (Celga 1, 9 de xuño; Celga 2, 2 de xuño; Celga 3, 8 de xuño; Celga 4, 1 de xuño). O prazo de inscrición nos exames estará aberto ata o vindeiro 3 de abril.
Celga 1 en liña
A convocatoria dos cursos en liña preparatorios do Celga 1 contempla un total de tres cursos gratuítos que se desenvolverán do 1 de abril ao 7 de xuño e nos que se admitirán, por rigorosa orde de chegada, ata 50 solicitudes en cada un (150 en total). Desenvolveranse durante 10 semanas durante as que o alumnado se deberá preparar para os exames de acreditación do Celga 1 mediante o traballo das 10 unidades didácticas que conforman o curso exercitando as catro competencias lingüísticas en galego (expresión e comprensión oral, e expresión e comprensión escrita).
Cada unidade didáctica inclúe unhas 50 actividades distribuídas en 3 áreas temáticas comunicativas (“Funcións comunicativas”, “Léxico/Ortografía” e “Fonética e gramática”) nas que a través dunha metodoloxía multimedia -baseada no emprego dos recursos máis avanzados de imaxe e son como apoio aos contidos tratados- e interactiva -que posibilita unha comunicación dinámica no traballo de todas as competencias lingüísticas- o estudantado desenvolverá o seu proceso de aprendizaxe co apoio de titorización persoal especializada.
Fórmulas didácticas innovadoras na aprendizaxe do idioma
A Xunta de Galicia aposta polos sistemas de ensino e aprendizaxe en liña para facilitarlles o acceso á formación de lingua galega ás persoas adultas que desexan adquirir ou mellorar a súa competencia lingüística aproveitando as vantaxes que ofrecen as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) no ámbito da formación.
Neste sentido, mediante a posta en marcha destes cursos de aprendizaxe da lingua galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística dálles cumprimento ás directrices emanadas do Plan xeral de normalización da lingua galega que sinalan entre as súas prioridades a de “potenciar a aprendizaxe do galego por parte de toda a poboación adulta mediante fórmulas didácticas innovadoras que garantan resultados comunicativos máis satisfactorios e que poñan en relación a lingua galega coa historia e a cultura de Galicia”.