Cultura e Educación convida a participar no concurso “Os seis misterios de Gallaecia Petrea”
Ata o 31 de marzo, as familias que visiten a exposición “Gallaecia Petrea” poderán meterse na pel de intrépidos arqueólogos e gañar fins de semana en casas de turismo rural
Para participar só é necesario achegarse ao Museo Centro Gaiás e resolver en equipo os enigmas que se formulan
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a todas as familias galegas a achegarse durante o mes de marzo ao Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura e participar en Os seis misterios de Gallaecia Petrea, un divertido concurso que invita a converterse en intrépidos arqueólogos e poder gañar magníficas fins de semana en establecementos de turismo rural de Galicia.
Do 4 ao 31 de marzo, viaxar pola Historia de Galicia a través da pedra terá premio. As familias que visiten a exposición Gallaecia Petrea poderán pasar un bo rato resolvendo os seis grandes misterios que agocha unha das exposicións máis ambiciosas das feitas en Galicia ata o de agora. Desvelar correctamente os enigmas terá recompensa, posto que ademais de divertirse en familia e de coñecer un pouco máis a nosa historia, os participantes poderán gañar paquetes de fin de semana para dous adultos e dous nenos nun establecemento de turismo rural adscrito ás asociacións Agarimo e Pazos de Galicia, colaboradores do concurso xunto con Turismo de Galicia.
Participar enOs seis misterios de Gallaecia Petrea é moi fácil, só hai que recoller no mostrador de entrada do Museo Centro Gaiás a ficha que contén os seis misterios; resolvelos en equipo contestando correctamente os maiores ás preguntas e realizando as actividades didácticas os máis pequenos; cubrir os datos de contacto ao finalizar o percorrido e depositar a ficha completa no mostrador de entrada.
Os gañadores, todos o luns
Todos os audaces que logren desvelar correctamente Os seis misterios de Gallaecia Petrea entrarán nun sorteo semanal do que sairán os nomes dos premiados, que se darán a coñecer os luns 11, 18, 25 de marzo e o 1 de abril. Para participar no sorteo deben constar, como mínimo, os datos dun adulto. Só serán válidas as fichas que se cubran correctamente e se entreguen fisicamente no Museo Centro Gaiás entre o 4 e o 31 de marzo.
Os gañadores obterán unha fin de semana (dúas noites) nun establecemento de turismo rural de Galicia para dous adultos e dous nenos, podendo elixir entre os 80 establecementos adscritos á asociación Agarimo ou os 22 de Pazos de Galicia en temporada baixa.
A exposición Gallaecia Petrea entra con esta actividade no seu último mes de apertura ao público no Museo Centro Gaiás. Desde a súa inauguración en xuño do 2012, un total de 56.312 persoas percorreron os catro andares do Museo para contemplar as mellores obras pétreas do noso patrimonio repartidas en seis épocas: Xeoloxía, Prehistoria, Roma, Medievo, Moderna e Contemporánea.