Cultura e Educación convocará 140 prazas para que o profesorado realice itinerarios formativos no estranxeiro para a mellora das súas competencias lingüísticas

Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal, Alemaña e EEUU son os destinos aos que poderán optar os docentes, cunha duración das estadías de ata 4 semanas, dependendo da modalidade

Deste xeito, e malia á crise económica, a Consellería reafirma o seu compromiso coa formación dos docentes, convocando as mesmas prazas que o ano pasado

As profesoras e profesores que realicen este programa deberán elaborar, cos seus coñecemento, materiais didácticos para o seu uso nos centros de ensino

Xov, 28/02/2013 - 17:29
Cultura e Educación convocará 140 prazas para que o profesorado realice itinerar
Cultura e Educación convocará 140 prazas para que o profesorado realice itinerarios formativos no estranxeiro para a mellora das súas competencias lingüísticas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocará 140 prazas para a realización de itinerarios formativos para a mellora da competencias lingüísticas e comunicativa do profesorado. Así o recolle a convocatoria presentada esta mañá na mesa sectorial do ensino non universitario celebrada na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), unha xuntanza na que ademais se abordou a orde pola que se convoca concurso de méritos para a selección e o nomeamento da dirección dos centros docentes públicos. Deste xeito, e malia á crise económica, a Consellería reafirma o seu compromiso coa formación dos docentes, convocando as mesmas prazas para estadías no estranxeiro que o ano pasado.

Ao abeiro do Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PIALE) a Consellería oferta itinerarios intensivos para potencias a consolidación e adquisición de niveis de competencia lingüística, dando a oportunidade aos participantes nos mesmos de poñer en práctica os seus coñecementos no contexto dunha país no que se fala a lingua en cuestión. O obxectivo é formar profesionais debidamente cualificados para impartir clases na rede de 2.373 seccións bilingües e 148 centros plurilingües do sistema educativo de Galicia. Cómpre salientar que ao longo da lexislatura pasada beneficiáronse deste programa preto de 1.500 profesores, cun incremento do 73% respecto á lexislatura anterior.

Destinatarios

A convocatoria irá dirixida ao profesorado especialista en inglés que estea a impartir ensinanzas de lingua estranxeira en educación infantil e primaria; a profesorado especialista de francés e inglés; e a profesorado AICLE/CLIL (de áreas, materias ou módulos non lingüísticos impartidos en inglés) de educación primaria, secundaria obrigatoria, de bacharelato ou de formación profesional, que estea a participar nos programas de seccións bilingües e/ou centros plurilingües.

Así mesmo, poderán participar os docentes non especialistas que impartan ensinanzas establecidas na Lei Orgánica de Educación, en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Inspección Educativa. Neste último caso deberán facer a proba que se determine ao finalizar a fase de inmersión ou integración, que poderá acreditar a competencia do nivel B2 segundo o Marco común europeo de referencia para as linguas. Tamén poderán optar ás prazas das actividades o profesorado que teña previsto participar no programa de seccións bilingües ou o de centros plurilingües a partir do curso 2013-2014.

Modalidades

Os itinerarios formativos realizaranse en 3 modalidades diferentes.A primeira delas constará dunha primeira fase dun curso de formación en inglés en Galicia, seguido dun período de inmersión no país falante da lingua estranxeira de ensino e aprendizaxe, cunha duración de tres semanas que se realizará no mes de xullo de 2013 en Reino Unido, Canadá ou Estados Unidos. A segunda modalidade consistirá nun programa de inmersión total en inglés, con integración na vida escolar en centros escolares de Canadá, acompañados por un docente da súa mesma área ou materia durante catro semanas no primeiro trimestre do curso 2013-2014. A terceira modalidade consistirá en cursos de dúas semanas no Reino Unido, Francia, Alemaña ou Portugal.

En todos os casos os beneficiarios deberán realizar unha fase final de elaboración de materiais para a sociedade da información para o seu uso didáctico, no primeiro trimestre do curso 2013-2014.

Dirección dos centros docentes

Outro dos asuntos abordados na mesa sectorial foi a convocatoria do concurso de méritos para a selección e o nomeamento da Dirección dos centros docentes públicos. En total serán 206 os centros de ensino que renoven os seus directores e directoras a través dun concurso que se realizará de conformidade cos principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade.