Cultura e Educación presenta na Coruña o dicionario de alimentación e restauración galego-castelán-inglés

O Dicionario é froito da colaboración entre a Xunta de Galicia, o sector da hostalaría e o Servizo de Terminoloxía Galega TERMIGAL e ten como finalidade contribuír á normalización da terminoloxía gastronómica en lingua galega e facilitar a comunicación entre os profesionais do sector

Recolle aproximadamente 3000 conceptos, con 3600 denominacións galegas e con equivalencias en castelán e en inglés, ademais de 320 nomes científicos

Xov, 28/02/2013 - 16:26
Cultura e Educación presenta na Coruña o dicionario de alimentación e restauraci
Cultura e Educación presenta na Coruña o dicionario de alimentación e restauración galego-castelán-inglés

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deu a coñecer hoxe na Coruña o novo Dicionario de alimentación e restauración galego-castelán-inglés, elaborado polo Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica Galega TERMIGAL, no que colaboran a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega (RAG).

No acto de presentación, que tivo lugar na sede da RAG, participaron tamén o presidente desta institución, Xosé Luís Méndez Ferrín e mais o académico e director do TERMIGAL, Manuel González González.

Durante a súa intervención, o secretario xeral incidiu en que o Dicionario é froito dunha colaboración estreita entre hostaleiros, terminólogos, Xunta de Galicia e RAG, de cara a favorecer a dinamización da lingua galega e a súa normalización nos sectores da hostalería e restauración e mais do turismo.

Dicionario de alimentación e restauración

O traballo é un dicionario monolingüe en galego que, ademais das definicións dos vocábulos, mostra equivalencias en castelán e en inglés. Inclúe aproximadamente 3000 conceptos, con 3600 denominacións en galego, 3700 equivalencias en castelán e 3500 en inglés, ademais de 320 nomes científicos.

Os termos recollidos van dende as voces especializadas utilizadas polos profesionais do ramo ata palabras do léxico común que non poden faltar nun dicionario da alimentación. Pertencen aos ámbitos do material de cociña, enxoval, persoal e locais, alimentos, despezamento, condimentos, pratos e preparacións, procedementos culinarios, bebidas, nutrición e vocabulario xeral relacionado coa alimentación.

O Dicionario creouse coa vontade de facilitar que os especialistas desenvolvan a súa actividade en galego e, ao mesmo tempo, coa de axudar os restauradores a ofrecer os produtos do país en inglés, tendo en conta que esta é a lingua en que se comunican maioritariamente en Galicia os turistas con idiomas maternos distantes. Así pois, foi deseñado dende o punto de vista dos profesionais da restauración, pero seralle tamén de utilidade a públicos máis amplos, coma outras persoas ligadas ao ámbito da hostalaría, os profesionais da tradución, os lingüistas ou os xornalistas.

Está á disposición de toda a cidadanía no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística: www.xunta.es/linguagalega/dicionario_da_alimentacion.

Termigal

TERMIGAL, organismo no que participan a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, é un servizo  imprescindible para a resolución de dúbidas terminolóxicas puntuais e mais para a elaboración e difusión de vocabularios de especialidade que posibilitan a extensión da lingua galega a novos ámbitos de uso.

A maioría das consultas recibidas por TERMIGAL dende a súa creación en 1996 pertencen ao ámbito da cociña e da gastronomía, o que lles fixo ver aos responsables deste servizo a necesidade de publicar o Dicionario de alimentación e restauración e, asemade, constituíu un importante traballo previo sobre o que elaboralo.

Menús News node R