Cultura e Educación abre este luns o prazo de inscrición para as probas de acceso a ciclos de Formación Profesional de grao medio

A Consellería aposta así pola formación ao longo da vida, facilitando as reincorporacións ao sistema educativo

Dom, 24/02/2013 - 12:21
 Cultura e Educación abre este luns o prazo de inscrición para as probas de acce
Cultura e Educación abre este luns o prazo de inscrición para as probas de acceso a ciclos de Formación Profesional de grao medio

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abre o vindeiro luns 25 de febreiro o prazo de inscrición para as probas de acceso a ciclos de grao medio de Formación Profesional. Deste xeito, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad reafirma o seu compromiso coa formación ao longo da vida, establecendo canles que faciliten a reincorporación das galegas e galegos ao sistema educativo. Así mesmo, estas probas son unha ferramenta para impulsar a continuación de estudos,  xa que dan a posibilidade de acceder a ciclos formativos a persoas que non foron quen de obter o título de graduado en Educación Secundaria Obrigatoria.

Así, poderán presentarse a estas probas para acceder a graos medios quen non cumpran os requerimentos xerais para cursar estes estudos e teñan cumpridos os 17 anos – ou os cumpran no 2013-. Os interesados poden obter máis información no enlace web http://www.edu.xunta.gal/fp/node/11249 .

O prazo de inscrición estará aberto do 25 de febreiro ao 8 de marzo. As probas realizaranse o 23 de maio.

Estrutura e organización

A proba para o acceso ao grao medio organízase en tres partes, a sociolingüística, con exame de linguas galega e castelá e de ciencias sociais; a matemática; e a científico-técnica, con probas de ciencias da natureza e de tecnoloxía.

A proba dará lugar á obtención dunha certificación na que constará a nota final lograda e a cualificación obtida en cada unha das partes que a compoñen. A superación da proba dará acceso a calquera ciclo formativo. A adxudicación de praza estará condicionada pola cualificación obtida na proba, no marco da porcentaxe de reserva de prazas por cada centro e ciclo que se estableza para estas probas.

Para quen realizara a proba na Comunidade Autónoma de Galicia e non a superara na súa totalidade, a certificación permitirá manter a cualificación obtida nas partes superadas cunha puntuación igual ou superior a cinco durante un máximo de dous anos nas probas de acceso a ciclos formativos en Galicia.