A Rede de Dinamización Lingüística festexa o Día Internacional da Lingua Materna
A celebración central desta efeméride tivo lugar este ano no concello de Arteixo, con presenza do secretario xeral de Política Lingüística e presidente da Rede, Valentín García Gómez
Durante o acto, o alcalde da vila e deputado provincial Carlos Calvelo e mais Valentín García leron unha declaración conxunta das máis de 130 entidades que integran a Rede de Dinamización Lingüística
O Día Internacional da Lingua Materna foi instituído pola UNESCO en 1999 para promover a diversidade lingüística, entendida como indispensable para asegurar a riqueza cultural da humanidade e o desenvolvemento dos pobos
Despois de que o fixese a Xunta de Galicia desde o ano 2010, a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) súmase por vez primeira á celebración do Día Internacional da Lingua Materna, instituído pola UNESCO en 1999 para promover a transmisión interxeracional das linguas non maioritarias e, deste xeito, salvagardar a diversidade lingüística mundial. Fíxoo coa aprobación dunha declaración conxunta das máis de 130 entidades que compoñen a Rede, declaración que leron o alcalde e deputado provincial Carlos Calvelo Martínez e mais o secretario xeral de Política Lingüística e presidente da RDL, Valentín García, durante o acto central da conmemoración, que tivo lugar na Escola Infantil Municipal de Arteixo ás 11:00 da mañá.
A el asistiron tamén Indalecio Cabana Leira, xefe territorial de Cultura e Educación da provincia da Coruña; Celina Varela Suárez, concelleira de Normalización Lingüística de Arteixo, e representantes de diversos concellos da RDL. A lectura da declaración foi seguida do concerto “Arrolos no colo da fala” para os nenos e nenas da escola infantil, acompañados das súas familias, a cargo de Xavier Díaz e Guillerme Fernández.
Declaración da Rede de Dinamización Lingüística
As máis de 130 entidades que integran a Rede de Dinamización Lingüística aprobaron conxuntamente unha declaración con motivo do Día Internacional da Lingua Materna na que afirman compartir a visión positiva da diversidade lingüística que promove a UNESCO, organismo que a ve como fonte de riqueza cultural e garantía de desenvolvemento dos pobos, e asumir que “a contribución de Galicia a esa diversidade lingüística é o seu idioma propio, a lingua orixinaria e exclusiva desta terra, portadora dunha cultura particular: o galego”. En consonancia con isto, animan as familias e educadores a transmitir o noso idioma e comprométense elas mesmas con esta tarefa. A declaración íntegra pode lerse na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega.
O libro, eixe da educación en lingua materna
O lema elixido este ano pola UNESCO para a conmemoración do 21 de febreiro foi “O libro, eixe da educación en lingua materna”. Deste xeito, quérese chamar a atención sobre a importancia do material escrito e lembrar que o apoio ás linguas maternas consiste tamén en promover a produción de libros –incluídos os materiais escolares e as publicacións en formato dixital- nos idiomas locais.