O conselleiro de Cultura e Educación felicita ao IES As Mercedes pola implantación no centro do sistema de eficiencia enerxética co que gañaron o certame de Schneider Electric
Xesús Vázquez Abad presidiu a presentación do proxecto co que o instituto lugués se impuxo na 1ª competición de Eficiencia Enerxética na FP
Como premio, o centro recibiu fondos para poñer en marcha as solucións técnicas propostas no proxecto, coas que se agarda reducir nun 20% o consumo
O conselleiro anunciou ademais a próxima adxudicación das obras para a reforma dos talleres do instituto
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, felicitou hoxe ao alumnado e profesorado do IES As Mercedes (Lugo) pola implantación no centro do sistema de eficiencia enerxética co que gañaron a 1ª competición de Eficiencia Enerxética na Formación Profesional convocado por Schneider Electric e o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte.
Vázquez Abad salientou o traballo dos docentes para conseguir espertar o interese polos estudos dos máis novos, conseguindo que se implicaran nunha iniciativa que redundará no beneficio de toda a comunidade educativa. O premio do certame consistiu nun libro electrónico para cada alumno e na dotación de fondos para que o instituto aplicase no centro as solucións técnicas propostas no proxecto, coas que se agarda reducir nun 20% o consumo enerxético no centro.
Durante o transcurso do acto percorréronse as instalacións do centro para comprobar as melloras realizadas. Así mesmo o conselleiro anunciou a próxima adxudicación das obras para a reforma dos talleres do centro. Acompañaron ao conselleiro nesta visita o alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco; o director general de FP do Ministerio, Ángel de Miguel Casas; a delegada da Xunta de Galicia na provincia de Lugo, Raquel Arias; a subdirectora xeral de FP, Mª Eugenia Pérez; e o xefe territorial da consellería na provincia, José Jesús Ramos Ledo; así como o director do centro, Juan Antonio López Fernández e os titores do proxecto e alumnado participante. En representación de Schneider Electric estiveron presentes, ademais de Serra, o director do Instituto Schneider Electric de formación, Sergio López; e o responsable da área de Formación de Domótica e Inmótica, Sergio Vidal.
Unha aposta de futuro
O conselleiro felicitou ás alumnas e alumnos polo froito obtido do seu traballo e pola súa actitude. “Demostrastes que sodes quen de realizar un esforzo con fins académicos e sabedes que, para obter uns froitos, ten que haber moito traballo detrás. As nosas máis sinceras felicitacións pola vosa madurez, que de seguro vos abrirá moitas portas”, dixo. Neste sentido, valorou a súa aposta polas ensinanzas de FP de eficiencia enerxética, que cualificou como “unha aposta polo voso futuro, dado que se trata de un sector en desenvolvemento e con oportunidades de emprego e de emprendemento; e polo propio porvir da sociedade, que precisa buscar novas solucións de enerxía sostible”.
Así mesmo, animounos a continuar traballando “con ilusión neste tipo de iniciativas innovadoras que lle dan un valor engadido á FP galega e que completan a formación de calidade que están a recibir as alumnas e alumnos dos ciclos formativos”. Ademais, agradeceu a Schneider Electric a súa confianza na formación profesional e nos seus titulados como unhas ensinanzas de primeiro nivel e xermolo de innovación e progreso.
Pola súa parte, o responsable de Customer Satisfaction, Quality and Business Development de Schneider Electric, José-Emilio Serra amosouse satisfeito “de que unha competición que leva o noso nome estimule proxectos tan variados e de tanta calidade como os que se puideron avaliar na primeira edición”. Neste sentido, salientou a necesidade de “concienciar aos profesionais do mañá da importancia do traballo en equipo, o compromiso co medio ambiente e a eficiencia enerxética”, o que sinalou como “unha prioridade para Schneider Electric”.
Un estudo completo
A Competición de Eficiencia Enerxética na Formación Profesional de Schneider Electric é unha iniciativa dirixida a promover a formación dos máis novos neste eido. Na primeira edición do certame participaron máis de 50 centros de ensino, que analizaron as súas posibilidades de mellora para acadar un consumo máis responsable. Xa está en marcha a segunda edición da competición, para a que os centros participantes están xa comezando a elaborar os proxectos.
O IES As Mercedes fíxose co primeiro premio da competición na primeira edición cun proxecto elaborado polos estudantes de segundo curso do ciclo formativo de Eficiencia Enerxética e Enerxía Solar Térmica, baixo a titoría de Alberto Pereira e Víctor Paz.
Os estudantes buscaron solucións técnicas para o aforro no centro a través da realización dun completo estudo de auditoría enerxética na que analizaron o consumo de electricidade, auga, calefacción e envolvente térmica do centro. Tras isto propuxeron alternativas, tendo en conta os custes e os beneficios que estas podían ter para o instituto, optando por medidas cun baixo custe de implantación, tales como a instalación de sensores de presenza, programadores semanais nos aparatos eléctricos, cambio de tubos fluorescentes por Leds, ou o apagado automático da CPU dos ordenadores.
Ademais, formularon melloras para o sistema de climatización e auga quente sanitaria, así como un método de supervisión para seguir optimizando os procesos de aforro enerxético que se implanten no centro.
Para o éxito total do proxecto, o alumnado implicado desenvolveu unha intensa campaña de concienciación entre os seus compañeiros, a través de carteis, logos e vídeos para fomentar o compromiso co medio ambiente.
Colaboración entre Schneider Electric e a Consellería
Cómpre lembrar que a Consellería de Cultura e Educación e Schneider Electric manteñen unha relación fluída en materia de Formación Profesional, a prol da mellora da calidade destas ensinanzas e propiciando a necesaria retroalimentación continua entre a FP e as necesidades empresariais.
Ao abeiro desta colaboración, en 2011 abriuse no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela unha Aula Schneider, a primeira en España que se instalou nun centro de FP. A aula, de máis de 100 metros cadrados e con capacidade para 30 alumnos, conta con equipamento de vangarda no ámbito da distribución eléctrica, a automatización e o control industrial, eidos que obrigan a unha actualización constante dos coñecementos e dos equipos empregados con tal fin.