Cultura e Educación celebra o éxito do alumnado galego de Formación Profesional nas olimpíadas Spainskills 2013

A delegación galega acadou 10 medallas e 5 diplomas de excelencia

Dom, 17/02/2013 - 13:55
A delegación galega acadou 10 medallas e 5 diplomas de excelencia
A delegación galega acadou 10 medallas e 5 diplomas de excelencia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o éxito da participación das alumnas e alumnos da Formación Profesional galega nas olimpíadas Spainskills 2013. Non en balde, a delegación galega, conformada por 23 estudantes acompañados polos seus profesores titores e por un experto en cada skill, acadaron 10 medallas e 5 diplomas de excelencia nesta competición, que se desenvolveu desde o pasado mércores ata hoxe no IFEMA de Madrid.

Ao longo destes 4 días de competición o alumnado galego de FP destacou, acadando 3 medallas de ouro, 4 de prata e 3 de bronce, ademais dos devanditos diplomas. Desta forma Galicia é a quinta comunidade autónoma máis galardoada.

Calidade da FP e implicación docente

O éxito acadado pola delegación galega é unha mostra da calidade da FP galega, que convocan cada curso a atención de máis persoas. De feito, este curso están matriculados nestas ensinanzas 47.841 alumnas e alumnos, o que supón un incremento do 12% respecto do ano académico 2011/2012. A comparativa dos datos cos do 2008/2009 amosan un incremento de 13.095 estudantes na FP, un 37,7% máis, nos últimos catro cursos.

Cómpre salientar, ademais, o papel fundamental dos docentes dos ciclos formativos quen, grazas á súa implicación, animan ao alumnado a participar nas GaliciaSkills – competición organizada pola Consellería e que dá o paso ás SpainSkills-. As profesoras e profesores titores acompañan, asemade, aos estudantes durante todo o proceso, facendo un esforzo extra para preparalos.

Tanto as SpainSkills como as GaliciaSkills constitúen ocasións para que os futuros titulados dos ciclos formativos mostren as súas competencias profesionais diante das numerosas empresas que apoian estes certames, o que supón unha importante oportunidade para a inserción laboral dos máis novos.