Cultura e Educación comeza este luns a impartir o primeiro proxecto de FP Dual galega no CIFP Politécnico de Santiago

Un total de 15 estudantes cursarán o ciclo de grao superior en sistemas de telecomunicacións e informáticos cun plan de estudos de 2 anos e medio

Cada alumno terá un contrato de traballo remunerado, ao tempo que reciben formación no centro e na empresa Coremain

Dom, 17/02/2013 - 12:47
http://www.edu.xunta.es/web/node/8636
http://www.edu.xunta.es/web/node/8636

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, comezará a impartir este luns no CIFP Politécnico de Santiago o primeiro proxecto de Formación Profesional Dual galega. Cómpre lembrar que se trata de prazas creadas pola Consellería a maiores da oferta de FP, e que para a súa impartición se dotou ao CIFP dun profesor máis.

En total serán 15 estudantes os que cursen o ciclo de grao superior en sistemas de telecomunicacións e informáticos cun plan de estudos de 2 anos e medio no que compaxinarán a súa formación no centro coa formación na empresa Coremain e cun contrato de traballo remunerado.

Este primeiro proxecto experimental supón un paso máis cara á empregabilidade do alumnado. Cos contratos de traballo desta modalidade as alumnas e alumnos acóllense ao convenio colectivo da compañía e ás normas da mesma en materia e normativa laboral. De feito, a retribución fixarase consonte ao estipulado no convenio colectivo, en proporción ao tempo de traballo efectivo que realicen.

Formación e traballo remunerado

O proxecto terá unha duración total de 4.828 horas, das que 1.899  serán de formación e 2.929 horas serán de traballo efectivo. Ao longo dos dous anos e medio que dura o proxecto, o peso da parte correspondente ao traballo irá aumentando: do 45% do primeiro ano ao 72% do último curso.

De feito, o carácter diferencial da FP Dual consiste na combinación da formación curricular co traballo remunerado nunha empresa na que, ademais, o alumnado recibirá formación complementaria á establecida no currículo formativo correspondente, co fin de reforzar a súa preparación e mellorar a súa empregabilidade. Deste xeito, dos 2 anos e medio de duración do proxecto, o 21,7% desenvolverase no centro educativo correspondente, mentres que o restante se levará a cabo nas instalacións da empresa.

No tempo de traballo efectivo na empresa o estudante terá un contrato de traballo para a formación e a aprendizaxe, de acordo co recollido no título II do RD 1529/2012, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da FP dual. Trátase dun contrato remunerado, polo que o traballador se acollerá, ademais, ao convenio colectivo da compañía e ás normas da mesmas en materia e normativa laboral. De feito, a retribución fixarase de acordo co estipulado no convenio colectivo, en proporción ao tempo de traballo efectivo que realicen.