A Xunta de Galicia colabora coas administracións do Estado para impulsar a mellora das bibliotecas e dos seus servizos
A Consellería de Cultura e Educación participou na elaboración do I Plan Estratéxico do Consello de Cooperación Bibliotecaria, que foi presentado e aprobado hoxe en Madrid
O secretario xeral de Cultura asistiu esta mañá ao pleno do consello, un órgano que reúne todas as administracións con competencia en materia bibliotecaria
A Xunta de Galicia colabora coas distintas administracións públicas para favorecer o desenvolvemento e a mellora das condicións das bibliotecas e dos seus servizos. Para avanzar neste obxectivo, o Consello de Cooperación Bibliotecaria (CCB) presentou hoxe o seu primeiro plan estratéxico, un traballo que contou coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e que foi presentado hoxe en Madrid.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, vogal do Pleno da CCB, participou esta mañá na reunión na que se debateu e aprobou o plan e que estivo presidida polo secretario de Estado Cultura, José María Lassalle. A Secretaría Xeral de Cultura tamén participa no CCB a través da Subdirección Xeral de Bibliotecas. O subdirector, Daniel Buján, é o presidente dunha das comisións técnicas coas que conta o CCB, concretamente a comisión de cooperación da Biblioteca Nacional de España e das bibliotecas nacionais e rexionais das comunidades autónomas.
Establecer as diversas liñas estratéxicas de traballo para o horizonte de 2013 a 2015 é o obxectivo do plan, que aposta por promover e fomentar as bibliotecas na sociedade, pola sustentabilidade dos servizos bibliotecarios e por avanzar na actividade do CCB.
Novo modelo de préstamo de libro electrónico
O plan inclúe tamén unha planificación dos proxectos a desenvolver neste ano, entre os que destaca a definición dun modelo sostible de préstamo de libro electrónico en bibliotecas. Nesta liña, impulsarase unha visión compartida de modelos de contratación que garantan a viabilidade dos servizos bibliotecarios, especialmente en canto ao préstamo dixital (de libros electrónicos). Tamén se promoverá un espazo para compartir información e favorecer a posibilidade de negociación de licenzas nacionais, que servirá tamén para impulsar a integración e a reutilización de todos os recursos dixitais.
Outros dos proxectos que se recollen no plan son a creación dun grupo de traballo para a elaboración de ferramentas de difusión que reflictan o alcance e a repercusión social dos servizos de biblioteca en España e mais a realización dun estudo que defina o papel das bibliotecas no novo contexto informacional e social.
Experiencia pioneira en cooperación bibliotecaria
O Consello de Cooperación Bibliotecaria foi constituído en 2008. É a primeira experiencia de cooperación bibliotecaria intersectorial, que reúne nun mesmo órgano todas as administracións con competencia en materia en bibliotecas, co obxectivo de facilitar o diálogo entre os distintos sectores, de favorecer a posta en marcha de iniciativas cooperativas e de impulsar o crecemento e a mellora das bibliotecas e dos servizos.
Forman parte do CCB, entre outros, o Ministerio de Educación, Cultura e Deportes, os gobernos autonómicos, a Federación Española de Municipios y Provincias, a Federación Española de Sociedades de Archivística, Biblioteconomía y Documentación, e a Red de Bibliotecas Universitarias.