Cultura e Educación convoca as probas libres para a obtención dos títulos de graduado en ESO e de bacharelato
Os maiores de 18 anos poderán concorrer ao exame para a obtención da titulación en educación secundaria obrigatoria, mentres que para o bacharelato a idade mínima para presentarse á proba son os 20 anos
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar as probas libres para a obtención do título en graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de 18 anos, e para quen teñan os 20 cumpridos e desexen concorrer ao exame para obter a titulación en bacharelato. Trátase dunha aposta do departamento educativo da Xunta de Galicia polo impulso da formación ao longo da vida, que complementa á ampla rede de centros públicos que imparten ensinanzas regradas dirixidas ás persoas adultas, nos que estudan máis de 20.000 alumnas e alumnos.
Estas probas libres, cuxa convocatoria publicouse no Diario Oficial de Galicia do 29 de xaneiro – no caso da ESO- e de 1 de febreiro – no do bacharelato-, permiten ás persoas interesadas obter un título académico mediante un único exame. Toda a información sobre as convocatorias pode consultarse no enlace web /portal/node/1238 .
Título de bacharelato
O prazo para a inscrición nas probas libres para a obtención do título de bacharelato, que teñen unha única convocatoria anual, abrirase do 18 ao 28 de febreiro, para un exame que se realizará o 26 de abril. Os interesados poderán formalizar a súa inscrición no centro EPA Eduardo Pondal (A Coruña), no IES San Clemente (Santiago de Compostela), e nos centros EPA Albeiros (Lugo), de Ourense, Río Lérez (Pontevedra), e Berbés (Vigo).
A proba constará de dous exercicios, un común sobre os contidos de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, Lingua Estranxeira, Ciencias para o Mundo Contemporáneo, Filosofía e Cidadanía, Historia da Filosofía e Historia de España; e un segundo, diferente para as modalidades de Ciencias e Tecnoloxía e de Humanidades e Ciencias Sociais, de acordo coas súas respectivas materias.
As persoas que superen a proba poderán solicitar unha certificación das cualificacións obtidas para que poidan xuntala á documentación de solicitude de prazas en ciclos de FP de grao superior.
Graduado en ESO
No caso das probas para a obtención do graduado en ESO, que se celebrarán o 31 de maio e o 12 de setembro, o prazo de inscrición estará aberto do 2 ao 15 de abril para a convocatoria de maio e do 1 ao 8 de xullo para a de setembro.
Debido ao gran número de persoas que realizan estas probas, para a súa inscrición o alumnado distribúese polas iniciais dos seus apelidos. Así, os centros de inscrición nas diferentes cidades de Galicia serán os seguintes:
A Coruña |
Centro EPA Eduardo Pondal (apelidos do A ao L) IES Rafael Dieste (do M ao Z) |
Santiago |
IES San Clemente (do A ao L) IES Rosalía de Castro (do M ao Z) |
Ferrol |
Centro EPA Santa María de Caranza (todas as inscricións) |
Lugo |
Centro EPA Albeiros (todas as inscricións) |
Ourense |
Centro EPA de Ourense (todas as inscricións) |
Pontevedra |
Centro EPA Río Lérez (apelidos do A ao L) IES Sánchez Cantón (do M ao Z) |
Vigo
|
Centro EPA Berbés (do A ao F) IES Politécnico (do G ao O) IES Santa Irene (do P ao Z) |
O exame constará de probas con exercicios das materias de Matemáticas, Ciencias da Natureza e Tecnoloxía, aspectos relacionados coa saúde e o medio natural recollidos no currículo da Educación Física, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación para a Cidadanía e aspectos perceptivos correspondentes ás materias de Educación Plástica e Visual, e Música. Así mesmo, os aspirantes deberán superar exercicios de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e Lingua Estranxeira.