Cultura e Educación convoca axudas á edición de materiais didácticos en lingua galega

Hoxe publícase no DOG a orde de subvencións destinada ás editoriais que publiquen na lingua propia de Galicia recursos didácticos para o ensino non universitario

O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o día 1 de marzo

Ven, 01/02/2013 - 11:41

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe a orde do 25 de xaneiro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos para niveis non universitarios, e se procede a súa convocatoria.Trátase dunha liña de axudas destinada á edición de materiais tanto en formato impreso coma en formato dixital, ás que a Consellería destina 250.000 euros, facendo un importante esforzo no actual contexto económico.

O obxectivo desta convocatoria é garantir unha oferta de material educativo en galego no ensino regrado que sexa á vez ampla e con calidade científica e pedagóxica. Deste xeito, dáselles cumprimento ás disposicións legais establecidas no Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e mais na Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia referentes ás obrigas da Xunta con respecto ao fomento de materiais didácticos en lingua galega para as áreas que se imparten neste idioma.

Estas disposicións materializan a recomendación do Plan xeral de normalización da lingua galega de promover materiais didácticos “en soportes diversos que fagan atractivo o proceso de aprendizaxe, que axuden a percibir a utilidade da lingua e que capaciten para o seu uso correcto e eficaz”. As empresas do sector editorial, destinatarias desta convocatoria, poderán solicitar as axudas ata o próximo día 1 de marzo.

Valoración dos proxectos

Os proxectos que as editoriais presenten ás subvencións serán valorados en función da súa orixinalidade (primaranse as obras de creación propia sobre as adaptacións) e da súa calidade, que se medirá en función da adecuación dos materiais didácticos ao currículo establecido, do tipo de actividades propostas, da relación dos contidos cos intereses e coñecementos do alumado destinatario, do tratamento dos valores democráticos, do axeitamento á realidade galega e, por suposto, da calidade da lingua e da súa adecuación ao nivel académico do alumnado.

Por parte, daráselles prioridade aos materiais en soporte audiovisual e a aqueles pensados para as aulas virtuais do Programa Abalar, así coma aos destinados á educación infantil, á atención á diversidade e ás áreas que non son de impartición obrigatoria en galego. Toda a información no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega.

Menús News node R