O conselleiro de Educación anunciou na súa intervención no Parlamento o plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares
O novo Plan para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe dará resposta ás demandas creadas desde os centros educativos
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou o novo Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares para Lectura, a Información e a Aprendizaxe na súa intervención de hoxe no Parlamento. “Poñeremos os medios para que o Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares, que na actualidade chega a máis de 300 centros, poida chegar no 2015 ao 70% dos centros completos de titularidade pública. Deste modo cumprimos co compromiso de traballar para acadar os mellores niveis de calidade e excelencia”, sinalou o conselleiro.
Vázquez Abad asegurou no hemiciclo que “trátase dun exercicio de responsabilidade, ao que se engade un traballo de reflexión e deseño do marco normativo”. A isto engadiu que a actual Xunta tivo en conta as necesidades educativas do alumnado de Galicia. Deste xeito quedará garantida a presenza explícita da biblioteca escolar no Regulamento Orgánico dos Centros (ROC). Todo isto sen esquecer que unha das prioridades é definir a figura do responsable da biblioteca nos centros de ensino. No ámbito das bibliotecas fórmanse anualmente preto de 3.000 docentes para a promoción deste recurso educativo.
Marco de referencia
Con este novo proxecto demóstrase a intención de estender as actuacións a toda a rede de centros públicos. Estas accións non soamente son necesarias senón que ademais son eficientes, como se pon de manifesto a través dos resultados nas probas de avaliación diagnóstica e nos estudos PIRLS e PISA.
Ademais, Vázquez Abad destacou que “o plan LÍA fai unha aposta de cara a apertura de liñas de colaboración cos concellos, e para facilitala elaborarase un marco de referencia común que permita a posta en marcha destas actuacións”.
Obxectivos do Plan LÍA
O titular de Educación na Xunta destacou que a proposta é resultado dos estudos que relacionan os hábitos lectores e resultados académicos, a través do uso das bibliotecas e os seus contidos. Ademais destacou que o principal obxectivo do Plan LÍA é “adaptar os recursos informativos dos centros educativos ás novas necesidades da sociedade da información do século XXI, o que facilitará a promoción e integración das tecnoloxías emerxentes, así como a mellora e renovación das prácticas educativas”.
Xesús Vázquez Abad incidiu en que o Plan LÍA tamén “favorecerá a adquisición das competencias básicas do alumnado galego e contribuirá ao éxito escolar. Todo isto sen perder a intención de mellorar a lectura comprensiva, a escritura e as habilidades no uso da informática por parte da poboación escolar galega, así como a estimulación da experiencia lectora entre os distintos sectores da comunidade educativa”. O conselleiro recordou que “deste xeito incentívase o uso das bibliotecas escolares por parte das comunidades educativas”.
Así mesmo o Plan LÍA engloba importantes accións que xa se están a desenvolver dentro das bibliotecas escolares, nas que agora se dá un paso máis a prol da súa consolidación. Todas as actuacións desenvolvidas neste 2010, Ano da Lectura, terán continuidade nos vindeiros anos grazas ao traballo realizado desde a Consellería.
Traballo constante
Deste xeito, Xesús Vázquez asegurou que desde a Consellería de Educación se está a traballar na constante potenciación de iniciativas xurdidadas no 2003 coa Asesoría de Bibliotecas Escolares e que continuaron coas convocatorias do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), que permite que os centros seleccionados teñan un impulso extra na renovación destes espazos de lectura.
Ademais na actualidade ata 299 recintos escolares están integrados dentro da Rede de Bibliotecas, unha cifra que ao longo de 2010 se incrementará en ata 75 novos postos dentro da rede. Entre estes son numerosos os recintos da comunidade galega que ven recoñecidos os seus esforzos a nivel nacional, o que é un claro reflexo do traballo desenvolvido desde a Consellería e desde os propios centros escolares. Así Galicia conta con bibliotecas escolares de referencia, que se beneficia das asignacións directas para a renovación dos fondos que ocupan os seus andeis.
Ademais destes plans tamén se desenvolven outras campañas como ‘Hora de Ler’, ‘Clubs de lectura’, mochilas viaxeiras e outras accións que fan visibles estes espazos de cultura e formación e que poñen en valor a lectura entre as comunidades educativas. Uns recintos nos que conviven, cada vez máis, as culturas impresas e as dixitais que caracterizan o día a día actual. “Todo isto permite dar un plus de calidade na educación dos estudantes galegos, para cuxo fin estamos a traballar desde e Administración”, recordou Vázquez Abad.