As xestións da Xunta conseguen que o Ministerio de Educación e Cultura convoque por 16 millóns de euros as obras de rehabilitación do Arquivo e Biblioteca no antigo Convento de San Francisco en Ourense
O BOE vén de anunciar a resolución pola que se convoca o procedemento aberto para a adxudicación dunhas obras que terán un prazo de execución de 32 meses
Grazas ás xestións Consellería de Cultura e Educación, en pouco máis dun ano, o goberno central desbloqueou dúas intervencións esenciais para a cidade de Ourense: a construción do Arquivo Histórico Provincial e Biblioteca Pública do Estado, e a rehabilitación do claustro de San Francisco
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria congratúlase de que as demandas formuladas no seu día ao Goberno Central, por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e do conselleiro Xesús Vázquez Abad, para desbloquear a rehabilitación do claustro ourensán de San Francisco, deran por fin os seus froitos. O BOE http://www.boe.es/boe/dias/2013/01/29/pdfs/BOE-B-2013-3368.pdf vén de anunciar a resolución da Xerencia de Infraestruturas e Equipamentos do Ministerio Educación, Cultura y Deporte, pola que se convoca o procedemento aberto para a adxudicación da terminación das obras de construción e rehabilitación do Arquivo Histórico Provincial e Biblioteca Pública do Estado en Ourense no antigo Convento de San Francisco. As obras, cun orzamento base de licitación de 16.689.022 euros, terán un prazo de execución de 32 meses.
Compre lembrar que foi tamén a actual Xunta de Galicia e o actual Goberno central os que aceleraron a rehabilitación do Claustro de San Francisco, despois dos 8 anos de parálise aos que estivera sometido durante o goberno do Partido Socialista no Estado central e do bipartito na Xunta de Galicia. Durante ese tempo de bonanza económica o BIC permanecera paralizado,cun evidente risco de deterioro.
Deste xeito, en pouco máis dun ano, e grazas ás xestións do conselleiro Xesús Vázquez Abad co secretario de Estado de Cultura, José María Lassalle, o goberno central desbloqueou dúas intervencións esenciais para a cidade de Ourense. Hai uns meses executáronse as obras de conservación e rehabilitación do claustro de San Francisco, e agora adxudícanse as obras de construción e rehabilitación do Arquivo Histórico Provincial e a Biblioteca Pública do Estado no antigo Convento de San Francisco.
Museo Arqueolóxico de Ourense
Asemade, representantes da Consellería de Cultura e Educación reuníronse esta mesma semana co subdirector de Museos do Ministerio de Cultura para, dentro das posibilidades económicas actuais, poder reabrir o Museo Arqueolóxico de Ourense canto antes. Traballase coa previsión de que o Ministerio de Educación e Cultura convoque, no menor prazo de tempo posible, o concurso de ideas do proxecto arquitectónico. Unha vez rematado poderán iniciarse as obras. Pola súa parte, a Consellería continuará traballando no plan museolóxico, un proxecto que fixa as necesidade do centro e organiza os contidos expositivos. Ata que estes proxectos non estean rematados non se coñecerá a inversión necesaria.