A Xunta de Galicia confirma que mañá haberá actividade docente e do transporte escolar nos centros educativos de toda Galicia
Durante o día de hoxe preto de 5.400 estudantes non tiveron clase debido ás adversas condicións climáticas
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria confirma que mañá haberá actividade docente e do transporte escolar nos centros educativos de toda Galicia. Despois de consultar coa Axencia Estatal de Meteoroloxía e Meteogalicia, e comprobar que o temporal remitiu, decidiuse que non hai ningún risco para que os alumnos podan asistir a clase con normalidade.
Doutra banda, os datos de incidencias de hoxe reflicten que preto de 5.400 alumnas e alumnos de toda Galicia non puideron asistir ás clases por incidencias relacionadas por neve e xeo. O temporal afectou a case 90 centros educativos, ben por ter que pechar as súas portas, ben porque a meteoroloxía impediu que parte do alumnado puidese chegar ao centro.
A provincia cun maior número de incidencias foi a de Ourense, onde 49 centros foron afectados e 3.260 rapaces quedaron sen clase; mentres que en Lugo, foron 43 os centros e 1.898 as alumnas e alumnos afectados. As incidencias nestas dúas provincias producíronse, fundamentalmente, nas zonas de montaña.
Finalmente, en Pontevedra víronse afectados un total de 239 alumnos de dous centros. Na provincia da Coruña non se rexistraron incidencias.