A Consellería de Cultura e Educación mantén para mañá a suspensión de clases nas zonas de montaña de Lugo e Ourense
Recoméndase un especial coidado, aínda que se mantén a actividade lectiva nas zonas do Sur de Lugo, Sur de Ourense e Valdeorras
O Centro de Atención ás Emerxencias 112- Galicia atendera 170 incidencias relacionadas co temporal ata as 13 horas de hoxe
Preto de 7.800 estudantes non tiveron hoxe clase por mor das condicións climáticas
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria – previa deliberación da Comisión de Alertas- mantén para mañá - día 23 de xaneiro- a suspensión da actividade docente e do transporte escolar nos centros educativos situados nas zonas da montaña de Lugo e Ourense, atendendo ao aviso da Axencia Estatal de Meteoroloxía e Meteogalicia dun fenómeno meteorolóxico adverso por nevadas, con acumulación de neve superior a 10 centímetros.
Así mesmo, a comisión de Alertas adoptou a decisión de non suspender a actividade docente nin do transporte escolar nos centros escolares situados no resto das zonas afectadas polos avisos de meteoroloxía adversa, nomeadamente no Sur de Lugo, Sur de Ourense e Valdeorras. Nestas zonas a Consellería aconsella un especial coidado no caso da realización de actividades no exterior das instalacións do centro extremando as condicións de circulación do transporte, con seguimento das condicións climáticas. As zonas climáticas, definidas por Meteogalicia, poden consultarse no enlace web http://sor.meteogalicia.es/datosred/infoweb/meteo/docs/adversos/DefinicionZonasAdversos_gl.pdf .
Centros educativos afectados
Preto de 7.800 alumnas e alumnos de toda Galicia non puideron hoxe asistir ás clases por incidencias relacionadas por neve e xeo, nos 100 centros educativos que se viron afectados, ben por ter que pechar as súas portas, ben porque a meteoroloxía impediu chegar a parte do alumnado.
A provincia máis afectada foi a de Ourense, onde 39 centros foron afectados e 4.480 rapaces quedaron sen clase; mentres que en Lugo, foron 53 os centros e 2.016 as alumnas e alumnos afectados. As incidencias nestas dúas provincias producíronse, fundamentalmente, nas zonas de montaña, aínda que en algúns centros educativos os directores – como foi o caso de Guitiriz- decidiron a suspensión das clases atendendo as condicións climáticas que se presentaron pola mañá ou pola propia imposibilidade dos estudantes de chegar.
En Pontevedra víronse afectados un total de 1.400 alumnos de 8 colexios e institutos dos concellos de Forcarei, A Cañiza, Rodeiro, Dozón, Crecente e Covelo. Na provincia da Coruña só se presentaron incidencias puntuais no transporte nos concellos de Aranga, Melide, Pontedeume, As Pontes, Santa Comba e Toques.
Outras incidencias
O Centro de Atención ás Emerxencias 112- Galicia atendeu entre as 00.00 e as 13 horas de hoxe un total de 170 incidencias relacionadas co temporal. A provincia máis afectada é Ourense, onde se rexistraron 56 incidencias, seguidas das 49 de Coruña, as 46 de Pontevedra e 19 na provincia de Lugo.
Por tipoloxía, a meirande parte das incidencias (99) tiveron que ver coa presenza de neve nas vías. Tamén se rexistraron 7 intervencións por presenza de xeo e outras 17 incidencias tiveron que ver coa caída de árbores e pólas.
As incidencias máis destacadas son as relativas a accidentes de tráfico. Así, produciuse un accidente na AP-9 á altura do Concello de Barro, con varios vehículos implicados e unha persoa ferida. Tamén se produciu un accidente entre varios vehículos con resultado dunha persoa ferida en San Cibrao das Viñas. Por outra banda, tense constancia da existencia de vehículos parados a causa da neve en Monfero, na DP-905, e en Muras, no alto da Gañidoira.