A Xunta alerta dun temporal de nivel vermello nas costas da Coruña e Pontevedra e laranxa por neve en Ourense e Lugo
Educación suspende mañá as clases nos centros da montaña de Lugo e Ourense
Mar aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas
A MATI mantén en situación de alerta o dispositivo de viabilidade invernal nas estradas de titularidade autonómica, tal e como aconteceu durante a fin de semana
Mañá esperase mar de fondo con ondas de 7 metros nas provincias da Coruña e Pontevedra, ventos de ata 100 km/hora en todo o litoral galego e neve que podería acadar os 20 centímetros nas zonas de montaña de Lugo e Ourense
A Xunta recorda a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a súa web www.112galicia.org
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza alerta dun temporal no mar de nivel vermello que afectará a partir de mañá ao litoral das provincias da Coruña e Pontevedra, así como doutro de nivel laranxa por neve na montaña de Lugo e Ourense.
Segundo previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a través da Delegación Territorial de Galicia, a partires das 15,00 horas de mañá, esperase vento do oeste a noroeste de forza 8 a 9, con mar arborada e mar de fondo do noroeste en torno aos 7 metros. O temporal será de nivel laranxa no resto do litoral galego. Ademais, a partir das 21.00 horas de mañá, martes, tamén se activará unha alerta laranxa por vento en toda a franxa costeira de Galicia, con rachas máximas de 100 km/hora.
Doutra banda, a Axencia Estatal de Meteoroloxía informa tamén dunha alerta laranxa por neve que se iniciará esta medianoite nas zonas de montaña das provincias de Lugo e Ourense, onde a neve acumulada pode acadar os 20 centímetros de altura. No resto do interior de Galicia, o nivel de alerta por neve será amarelo. Por este motivo recomendase extremar as precaucións na circulación polas estradas desta zona, evitando as viaxes sempre que non sexan necesarias e revisando o estado das estradas asegurándose de saír con cadeas e os depósitos de combustible e líquido anticonxelante cheos.
Suspéndense as clases na montaña de Lugo e Ourense
Ante a alerta laranxa por neve, a Comisión de Alertas da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria acordou para mañá, martes 22, a suspensión da actividade docente e do transporte escolar nos centros escolares situados nas zonas de montaña de Lugo e de Ourense.
No resto de zonas do interior, onde o nivel de alerta será amarelo, decidiuse non suspender a actividade docente nin o transporte escolar nos centros escolares, aconsellando un especial coidado no caso da realización de actividades no exterior das instalacións do centro extremando as condicións de circulación do transporte, con seguimento das condicións climáticas.
Recomendacións no mar
Así mesmo, por mor do temporal costeiro que afectará ás costas das provincias da Coruña e Pontevedra, desde a Consellería do Medio Rural e do Mar aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Así mesmo, tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar.
Tamén os peiraos constitúen espazos de risco ante a alerta por fenómenos meteorolóxicos adversos. Nestes entornos, débense evitar os percorridos polas instalacións portuarias en especial en zonas de especial perigo como, diques de abrigo, espaldóns, escolleras, escaleiras de acceso aos diques e peiraos, entre outros. Do mesmo xeito, débense evitar percorridos en vehículos preto dos peiraos así como aparcar nos portos, na medida do posible.
É recomendable, ademais, non pasear preto dos bordos litorais, paseos marítimos e zonas próximas ao mar, sobre todo nas batidas polo vento. Tamén se recomenda non camiñar polas proximidades dos edificios portuarios, guindastres fixos ou automotor, así como, noutras edificacións que pola súas características construtivas poidan sufrir desprendementos nas súas estruturas exteriores tales como cubertas metálicas.
Todos os medios do Servizo de Gardacostas de Galicia estarán en alerta para calquera incidencia que se poida producir a causa deste fenómeno meteorolóxico adverso. Do mesmo xeito, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas mantén en situación de alerta o dispositivo de viabilidade invernal nas estradas de titularidade autonómica, tal e como aconteceu durante a fin de semana.
Pola súa banda, co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do 112, informou das distintas alertas a todos os concellos afectados; Deputacións, servizos provinciais e asociacións de voluntarios de Protección Civil e clubs náuticos das tres provincias costeiras galegas, entre outros. Por último, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese, e extremar a vixilancia por se as condicións meteorolóxicas da localidade de onde se sitúe o centro puideran supoñer un risco superior ao declarado inicialmente.