‘O Señor das Dunas’ prosegue a súa andaina pola Rede de Dinamización, da man de Cultura e Educación
O contacontos ilustrado con area, que leva máis de 90 funcións por toda Galicia, chegará esta fin de semana a Lousame, a Santiago de Compostela e a Padrón
A iniciativa forma parte do programa ‘FalaRedes’, que pretende fomentar o uso do galego a través de actividades gratuítas destinadas ao tempo de lecer
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve, unha fin de semana máis, a achegarlle a lingua galega aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) por medio do programa ‘FalaRedes’. Desta volta, as actividade ‘O Señor das Dunas’, impulsada a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, recalará nos municipios de Lousame, Santiago de Compostela e Padrón.
A actividade dinamizadora versa sobre a historia dun vello bibliotecario náufrago, asentado nas dunas de Corrubedo logo dun naufraxio. As cinco historias ilustradas compleméntanse cos Cinco Contos Galegos que reciben os participantes no espectáculo para darlle continuidade ao arte de seguir contando na casa. Ao dispor de toda a cidadanía están os Contos arredor do microondas, que se poden descargar no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística: www.xunta.es/linguagalega/arquivos/contos_arredor_microondas.pdf
Esta fin de semana, O Señor das Dunas dinamizará o uso do galego na Casa da Cultura de Lousame ás 12:00 horas e desprazarse pola tarde a Santiago de Compostela, onde actuará ás 18:00 horas para o público que se achegue ao Centro Sociocultural das Fontiñas. Xa o domingo, o vello contacontos despedirá a semana en Padrón, cunha función ás 18:00 horas no Auditorio Municipal, que contará coa asistencia do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Acompañarao o alcalde padronés. A entrada á actividade é, coma sempre, de balde ata completar o aforo.
Rede de Dinamización Lingüística
O programa ‘FalaRedes’ forma parte da programación anual impulsada pola Consellería de Cultura e Educación para a RDL, coa finalidade de crear espazos de uso e de aprendizaxe do galego ligados ao lecer, á cultura xuvenil e ás tecnoloxías da información e da comunicación. As tres actividades que comezaron no pasado mes de marzo –O Señor das Dunas, Títerehop e Galego de cine- suman case 240 sesións de dinamización lingüística.
Os principais propósitos da RDL, impulsada polo departamento que dirixe o conselleiro Vázquez Abad, son os de ampliar os usos do galego, incrementar o seu prestixio e favorecer a súa visibilidade, mediante unha nova dinámica de traballo conxunta e coordinada que permite optimizar os recursos e evitar as duplicidades, en favor dunha política lingüística máis eficiente e eficaz.
Na actualidade, forman parte da RDL perto de 130 entidades, entre municipios, fundacións, asociacións, colexios profesionais e consorcios, que traballan xunto a administración autonómica co obxectivo de establecer vías de colaboración, cooperación e coordinación para avanzar na promoción planificada do noso idioma.
Toda a información sobre FalaRedes e o seu calendario de actividades por concellos están dispoñibles no web www.xunta.es/linguagalega/falaredes e tamén nas redes sociais.