A Xunta convoca un concurso para premiar a creatividade dos estudantes de FP cunha bolsa de formación en centros de ITV
Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e de Economía e Industria, Francisco Conde, presentaron hoxe o certame ‘Reinventa a ITV, inventa o teu futuro’
Os alumnos gañadores do certame recibirán como premio unha bolsa de formación dun ano nas instalacións da empresa, e o seu colexio unha achega de 5.000 €
‘Reinventa a ITV, inventa o teu futuro’ nace co obxectivo de fomentar o emprendemento desde os máis mozos como porta de incorporación ao mercado laboral
Declaracións do conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad
Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e de Economía e Industria, Francisco Conde, xunto coa empresa concesionario da inspección técnica de vehículos, Supervisión y Control S.A., presentaron hoxe o certame ‘Reinventa a ITV, inventa o teu futuro’, a través do cal apóstase pola Formación Profesional como porta de entrada ao mundo de traballo e como vía de formación de profesionais cualificados para dar resposta ás necesidades do tecido socioprodutivo de Galicia.
No acto de presentación anunciouse a apertura do prazo de inscrición -ata o día 31 deste mes- neste concurso, que se desenvolverá en centros nos que se implanta o ciclo superior de automoción ata o vindeiro mes de abril. Na presentación participaron, ademais, o director xeral de Supervisión y Control, Juan Diego Rodríguez Martínez; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o presidente de Inversiones Finisterre, Amador de Castro Pérez; o subdirector de FEUGA, Santiago Álvarez Iglesias; e o presidente do xurado do concurso, Luis Moya, que fora piloto de rallies.
Na primeira edición deste concurso poderán participar as alumnas e alumnos matriculados no segundo curso do ciclo superior de Automoción en centros públicos da nosa comunidade autónoma, o que supón arredor de 200 estudantes de réxime ordinario e algo máis dun cento do réxime de persoas adultas.
Emprego e emprendemento
O conselleiro de Cultura e Educación agradeceu a aposta de Supervisión y Control pola FP galega “como a fonte da que tomar aos seus futuros traballadores”. Neste sentido, e recordando que o que máis favorece a inserción laboral dos titulados da FP é a experiencia que adquiren durante as prácticas en centros reais de traballo, sinalou que “o premio deste concurso é aínda un paso máis, unha bolsa remunerada dun ano, no marco do programa de bolsas Feuga, que tantas oportunidades ten dado e dá á mocidade recen titulada en Galicia”. “Celebramos, polo tanto, que todos os sectores da sociedade apoien iniciativas de emprego xuvenil que, neste caso ademais, supoñen un complemento formativo”, salientou.
Así mesmo, resaltou o valor desta iniciativa para impulsar o emprendemento entre os máis novos, e inculcar neles o interese pola innovación, por investigar novas vías de traballo "que contribúan a impulsalos como profesionais e ao avance do conxunto da sociedade". Unha liña na que as consellerías de Cultura e Educación e de Economía e Industria están a colaborar a través do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, ‘Eduemprende’ co fin de procurar que “desde ben pequenos as galegas e galegos do futuro coñezan a importancia de fixarse metas e obxectivos persoais que supoñan, ao mesmo tempo, abrir novas oportunidades de desenvolvemento para a nosa sociedade”, dixo.
Neste contexto, o conselleiro de Economía e Industria resaltou o reto do Goberno galego de facer do emprendemento “unha aposta integral que implica a toda a Administración Pública”. Dentro desta estratexia, Conde sinalou que o seu departamento desenvolverá neste exercicio “un paquete integral de apoio ao emprendemento que mobilizará máis de 30 millóns”.
Ademais, durante este ano impulsarase a nova Lei de emprendedores, que persegue crear un marco de apoio específico para impulsar a actividade emprendedora, e adoptaranse novas medidas fiscais que facilitarán a creación de empresas en Galicia.
Participación e premios
Os participantes no concurso visitarán estacións de ITV durante o mes de febreiro, tras o que disporán ata o 5 de abril para presentar os seus proxectos de mellora das actuais condicións baixo as que se presta o servizo da ITV en Galicia. A participación será en equipo, integrado por un número de tres ou catro alumnos e sempre a través dos centros educativos. Cada centro deberá nomear un profesor que coordinará a todos os equipos que presento o centro educativo, e que actuará como titor do alumnado na elaboración dos seus proxectos.
O xurado valorará os propostas para escoller un equipo gañador, cuxo centro recibirá un premio económico de 5.000 para a mellora das ensinanzas de FP que nel se impartan. Asemade, os integrantes do equipo gañador serán beneficiarios dunha bolsa de formación remunerada dun ano de duración nun centro da empresa, próximo ao seu domicilio, a través do programa de bolsas de formación de Feuga.