A Consellería de Cultura e Educación presenta en Santiago a actividade de dinamización lingüística ‘O Señor das Dunas’

O espectáculo de contacontos e ilustración con area forma parte do programa ‘FalaRedes’, que o departamento dirixido polo conselleiro Xesús Vázquez Abad lle destina á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia

A veciñanza compostelá de todas as idades poderá gozar desta función gratuíta o sábado 19 ás 18:00 horas no Centro Sociocultural das Fontiñas

Mér, 16/01/2013 - 12:36

Declaracións do secretario xeral de Política Lingüística

Valentín García na rolda de prensa de presentación de 'O señor das dunas'
Valentín García na rolda de prensa de presentación de 'O señor das dunas'

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio do seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, anunciou hoxe en rolda de prensa que a actividade de dinamización lingüística ‘O Señor das Dunas’, destinado ás entidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), chegará esta fin de semana á capital de Galicia no marco do programa ‘FalaRedes’.

O espectáculo de contadas ilustradas en area rescata da tradición oral galega un total de cinco historias narradas por un vello contacontos que o discípulo e compañeiro de viaxes deste vai debuxando por medio de viñetas proxectadas. O público pode seguir, a tempo real, a elaboración dos debuxos nunha pantalla grande na que se plasman as imaxes ilustradas.

Na rolda de prensa de presentación acompañaron a García Gómez a concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, e mais Francisco Castro, representante da empresa xestora, Merlín Comunicación. O secretario xeral destacou a importancia deste tipo de actividades para “ofrecer unha imaxe renovada da lingua galega, asociada á modernidade é a técnicas novidosas”. Manifestou ademais que son as actuacións coma estas as que permiten achegarlle o idioma ao público de todas as idades por medio da creación de  “espazos de uso que favorezan a interacción en galego”.

Ademais, o secretario xeral avanzou que ao remate da función, cada espectador recibirá como agasallo a versión física dos ‘Cinco contos galegos’ nos que se centra o espectáculo “para fomentar a lectura, a aprendizaxe da lingua e a transmisixón interxeneracional do galego”. Os máis interesados na vella arte de contar historias poderán manexar un manual dispoñible no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística: www.xunta.es/linguagalega/arquivos/contos_arredor_microondas.pdf.

Rede de Dinamización Lingüística

O programa de dinamización lingüística FalaRedes botou a andar o pasado mes de marzo, cos obxectivos de crear espazos de uso e aprendizaxe do galego ligados ao lecer, á cultura xuvenil e ás tecnoloxías da información e da comunicación (TIC). As tres actividades que se impulsaron, destinadas a segmentos de idade diferenciados – O Señor das Dunas para o público xeral, Títerehop para adolescentes e Galego de Cine para cativos-,  contabilizan máis de 235 sesións repartidas polos máis de cen municipios que conforman a RDL.

A RDL é unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia, a través do departamento que dirixe Xesús Vázquez co obxectivo de establecer vías estables de colaboración, cooperación e coordinación entre as administracións local e autonómica para avanzar na promoción planificada do noso idioma .Entre os seus principais propósitos figuran os de ampliar os usos do galego, incrementar o seu prestixio e favorecer a súa visibilidade nos distintos ámbitos sociais.

Na actualidade configuran a RDL preto de 130 entidades, entre municipios, fundacións, asociacións, colexios profesionais e consorcios, o que supón unha nova dinámica de traballo que permite optimizar os recursos e evitar duplicidades para favorecer unha promoción social da lingua máis eficiente e eficaz.

Toda a información sobre FalaRedes e o seu calendario de actividades por concellos están dispoñibles no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes e tamén nas redes sociais.

Menús News node R